EducaTeatro estrea en Redondela o musical infantil O mundo máxico de Pinocho

O director da Agadic, Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación desta nova proposta para público familiar xunto co alcalde Redondela, Javier Bas; a concelleira de Cultura, María Teresa Paris; o produtor de EducaTeatro, Alexandre Vázquez, e o resto dos integrantes da compañía viguesa.
Sutil incidiu na produción e na distribución como dous dos principais ámbitos de apoio ao teatro galego que a Xunta mantén a través da Axencia Galega das Industrias Culturais. No caso de ‘O mundo máxico de Pinocho’, esta dobre vía de colaboración materialízase na subvención recibida para levar a cabo a produción e na súa inclusión na nova carteleira da Rede Galega de Teatros e Auditorios.
Explicou, ao respecto, que este foi un dos 29 proxectos seleccionados na convocatoria pública de axudas á produción escénica galega, polo que EducaTeatro Producións recibiu apoio económico na modalidade de compañías de nova creación, dirixida a produtoras cuxa traxectoria non supera os cinco anos.
Incidiu tamén en que a de EducaTeatro en Redondela é unha das catro funcións que a compañía desenvolverá no marco da RGTA, circuíto promovido pola Agadic en colaboración con 38 entidades locais galegas e que, durante este segundo semestre do ano, ofrecerá 238 actuacións escénicas e musicais en 49 escenarios. Así, ‘O mundo máxico de Pinocho’, poderá verse tamén en Ortigueira (19 de novembro), Ponteareas (11 de decembro) e O Carballiño (30 de decembro), entre outros espazos da súa xira galega.
Esta curiosa adaptación ao teatro musical do conto clásico de Carlo Collodi conta a historia a través dos ollos de Pepiño Grilo, quen –xunto coa Fada Mimadriña, Raposo e Gato– acompañará a Pinocho no camiño de se converter nun neno de verdade.
Ademais do teatro musical, con voz e piano, a proposta bota man do ilusionismo, as sombras chinesas e os corpóreos para conseguir a implicación e participación dos espectadores durante todo o espectáculo. ‘O mundo máxico de Pinocho’ está pensado para un público familiar, con nenos e nenas a partir dos dous anos de idade.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia