Ourense recibe a voz de poetas de todo o mundo na sétima edición do Encontro Internacional de Poesía

Durante a fin de semana recibiremos a visita de nomes destacados no eido da poesía coma a mexicana Mónica Gameros, a portuguesa Lurdes Breda, o arxentino Henán Kozak, ou o colombiano Ruy Hernández, entre outros, aos que acompañará o músico ourensán Gabri Fernández. Tamén se realizará un roteiro polo casco histórico de Ourense, para poñer en valor a importancia dos poetas desta terra entre os visitantes, e haberá tempo para o recoñecemento ao esforzo a prol da poesía de diferentes institucións de Ourense, coma o CEIP Prácticas, un axente moi activo no espallamento desta arte entre os escolares.
A participación dos colexios é, precisamente, un dos obxectivos que persegue o Círculo Poético: “No público de entre 8 e 12 anos estanse recollendo os froitos desta expresión literaria e artística”, apuntaba Morgade na presentación. Así mesmo, adiantou a recompilación dos poemas que os visitantes de Ourense escreben ao remate da súa visita para presentalos nun monográfico.
Gabinete de Comunicación do Concello de Ourense