A Biblioteca Pública de Lugo acolle a mostra 'Manuel María. Beleza, amor e compromiso'
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/manuel_maria_expo_cartel.jpg)
Dun xeito ameno e gráfico, a exposición aborda a personalidade do autor e a evolución da súa obra ao longo das distintas etapas vitais. Faino a través de 10 paneis –elaborados a partir do material achegado pola propia Fundación Manuel María de Estudos Galegos–, que se complementan cun folleto informativo sobre a figura, a vida e a obra do escritor.
A identificación do poeta coa terra e a paisaxe, o seu compromiso coa lingua galega, a súa faceta de clásico e precursor da vizosa literatura infantil galega da que hoxe gozamos, a súa participación na vida política, a súa poesía intimista ou a variedade de xéneros literarios son algúns dos aspectos nos que afonda a mostra.
Próxima parada, Ferrol
Logo do seu paso polos municipios da Coruña, de Outeiro de Rei, de Vilalba, de Santiago de Compostela, de Marín, de Noia, de Pontevedra, de Vigo e de Monforte de Lemos, a mostra proseguirá o percorrido pola Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, concretamente na Biblioteca Pública de Ferrol, onde se poderá visitar do 3 ao 15 de novembro. A última parada será no Ateneo de Ourense, do 17 ao 30 de novembro.
Máis información, datas da itinerancia e materiais na Axenda de Cultura de Galicia, en www.cultura.gal/axenda, e no Portal da Lingua Galega, no enlace web http://www.lingua.gal/recursos/todos?content=/Portal-Lingua/Contido/recursos/letras-galegas/2016/contido_0556.html.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia