Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A voceira de En Marea considera que Rajoy será investido como resultado dun golpe parlamentario

A deputada de En Marea destacou “á activa cidadanía galega que ao longo destes anos protagonizou manifestacións históricas na defensa da sanidade pública, da educación, contra a LOMCE e en defensa do sector lácteo, da pesca e do naval”. A portavoz de En Marea no Congreso, Alexandra Fernández, subiu á tribuna para explicar a posición de En Marea no marco do debate de investidura do candidato Mariano Rajoy.

Alexandra Fernández dirixiuse a Rajoy para dicerlle que “vostede vai ser investido como resultado dun golpe parlamentar a raíz da intervención dun partido político, cociñado lentamente durante dez interminábeis meses, para anular os resultados das elecións do 20-D”. Unhas elecións, puntualizou, nas que o eleitorado apostou pola rexeneración ética, polo benestar social e polos dereitos dos pobos como suxeitos políticos.

Afirmou que non houbo ningún bloqueo institucional, “só púxose fin ao turnismo dos partidos do Réxime, e abríase a unha alternativa de goberno de esquerda plural con recoñecemento da realiade plurinacional do estado”. Máis, enfatizou, “isto resultou intolerábel para os intereses dos poderes aos que vostedes sirven e que son antitéticos aos da cidadanía do común”. Por eso, “manobran para provocar a situación na que estamos”. Resumiu o estado actual no mecanismo do “Partido Único como síntese do falecido bipartidismo”.

A deputada de En Marea iniciou a súa intervención facendo un símil coa “reacción instintiva dun organismo vivo, unha ameba, cando se sinte ameazado”, sinalando que “a súa reacción é de repliegue, facendo do seu corpo un ovillo e esperar tempos mellores. Eso é exactamente o que está a facer o Réxime do 78 que moitos de vostedes representan”.

Alexandra Fernández criticou a “maquinaria do bipartidismo cuase perfecto que durante catro décadas practicou o turnismo, herdado da primeira Restauración Borbónica”. Máis, “neste momento o organismo único que constitúen os poderes económicos, mediáticos e políticos do estado español comeza a plegarse sobre si mesmo, e o fan por medo á democracia”.

As manobras do “Partido Único” desde 2011

Para a deputada de En Marea “o seu medo tivo a súa primeira manifestación clara en 2011, cando o 15 de maio enchéronse as prazas baixo o berro de “democracia real”. Entón, continuou, “o Partido Único levou a cabo tres xogadas: promoveron de imediato a sucesión da Xefatura do estado, procederon á reforma constitucional do artigo 135 para dar amparo legal ás exixencias da Troika e o último espasmo da ameba deuse recentemente na sede do PSOE, onde se demostrou que para dar un golpe palaciego é máis doado organizar a retirada forzosa dun dirixente político e que introducir a un señor con bigote e tricornio”.

Galiza: suxeito político propio

A deputada de En Marea aludiu ás diferentes realidades territoriais e puxo de manifesto que o “movemento democrático que non se atopa cómodo no corsé do 78, ten diferentes expresións nos distintos suxeitos políticos, suxeitos coas súas propias dinámicas socio-políticas como Galiza” en clara alusión ao carácter plurinacional do estado.

Alexandra Fernández salientou a especificidade de Galiza onde “o primeiro síntoma da nova resposta cidadana vivímola en Galiza en 2003, ese ano a cidadanía galega percibiu con nitidez que o estado non estaba alí para socorrela o día no que o Prestige golpeou e arruinou as nosas costas. Lémbrao Señor Rajoy? Lembra os hilillos, como os hilillos da corrupción?”. A deputada de En Marea destacou a viveza da cidadanía galega que “ao longo destes anos protagonizou manifestacións históricas na defensa da sanidade pública, da educación, contra a LOMCE e en defensa do sector lácteo, da pesca e do naval”. Para Fernández a traslación política fronte ao partido único, “ten a súa expresión en En Marea, que hoxe é quen lidera a oposición en Galiza e fai frente desde os concellos ás políticas de austericidio”.

En Marea fará unha oposición contundente

A portavoz de En Marea criticou o rol do PSOE que “abdicou do seu papel de oposición para se evidenciar como integrante de pleno dereito do Partido Único, e dun previsíbel próximo goberno que vai voltar aplicar sumisamente os recortes ordenados pola UE, que impedirá que os pobos do estado poidan decidir o seu futuro soberanamente, e que tratará de prepararnos un prato precociñado de novo consenso das élites”. Pero, advertiu, “desta volta existe unha diferenza co réxime do 78. Nesta ocasión non poderán contar coa oposición, deposita claramente en En Marea e nas forzas do cambio, para lexitimar o golpe do réxime. Non conten co noso apoio”. E advertiulle que a “demanda de “Democracia real” chegou para ficar. Teño por seguro que En Marea fará unha oposición contundente e que traerá a esta Cámara a alternativa que demanda a cidadanía”.
Gabinete de Comunicación de En Marea