Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Galicia conmemora o Día da Árbore con máis de 688 millóns de árbores no seu territorio

Con máis de 1,4 millóns de hectáreas de superficie arborada ocupadas por 688.000 árbores, Galicia é unha comunidade na que o mundo forestal xoga un papel clave na súa vida social, cultural e económica. Por isto, a conmemoración mañá do Día da Árbore terá nesta rexión un especial significado e vénse celebrando xa cun completo programa de actos enmarcados na campaña de divulgación da cultura forestal galega Medramos en Verde.

As actividades programadas pola Consellería de Medio Ambiente, ao igual que todas as iniciativas que se desenvolven ao longo do ano, teñen como principal obxectivo dar a coñecer á cidadanía a importancia do sector forestal. Involucrar a poboación na mellora, conservación e goce dos recursos naturais e forestais da comunidade é o fin que perseguen as accións desenvolvidas polo departamento que dirixe Xosé Manuel Barreiro Fernández.

RIQUEZA AUTÓCTONA

A superficie forestal cobra cada vez maior protagonista en Galicia. Na actualidade ocupa unha extensión total de 2.039.574, das que máis de 1.400.000 hectáreas son de superficie arborada. Cómpre salientar que esta superficie forestal arborada experimentou en dez anos un incremento de máis do 34 por cento, segundo os datos recollidos no III Inventario Forestal Nacional (1997-2000), xa que pasou de 1.045.376 a 1.405.451 hectáreas nos últimos dez anos.

As principais especies do bosque galego son o piñeiro do país, que ocupa 383.632 hectáreas –o 27,29 por cento da superficie total-, seguido do carballo, presente en 187.789 hectáreas, o que supón a ocupación do 13,36 por cento. O eucalipto distribúese noutras 174.210 hectáreas e o carballo cerquiño en 100.504 hectáreas máis. Estas especies ocupan o 12,39 e o 7,15 por cento da superficie do bosque galego, respectivamente.

A riqueza das árbores e do monte galego en xeral, radica nas súas funcións beneficiosas para o contorno natural. Protexen os ríos, almacenan osíxeno e albergan as poboacións de fauna. Pero ademais, a superficie arborada leva aparellada unha riqueza económica derivada do seu aproveitamento sostible. A madeira, os cogomelos, as castañas e os aproveitamentos cinexéticos e de ocio son algunhas das actividades máis salientables que produce o bosque galego.

ACTIVIDADE ECONÓMICA

Cada ano prodúcense en Galicia arredor de 6.500.000 metros cúbicos de madeira –o 40 por cento da produción española e o 4,5 por cento da europea-, que xeran un movemento comercial de 240,40 millóns de euros. Estas cifras poñen de manifesto a dimensión do sector forestal galego e a importancia que ten para a economía da comunidade. De feito, no referente ao conxunto do sector forestal, a cadea monte-industria factura ao ano uns 1.330 millóns de euros, proporciona emprego directo e indirecto a 40.000 persoas e contribúe en máis do 3,5 por cento ao Produto Interior Bruto (PIB) de Galicia.

Co fin de contribuír á diversificación dos aproveitamentos forestais e ao incremento da riqueza do sector, a Consellería de Medio Ambiente mantén acordos para potenciar a produción de castañas e cogomelos, para loitar contra as pragas que afectan a determinadas especies forestais e para dispoñer de sementes, plantas e partes de plantas forestais coa mellor calidade posible.

Os esforzos centrados na mellora da produción e dos aproveitamentos de cogomelos e castañas veñen avalados polas cifras, que indican que da comunidade galega sae o 75 por cento das castañas e o 90 por cento das setas que comercializan as empresas transformadoras galegas, o que supón un elevado grao de autoabastecemento. Galicia é na actualidade a principal comunidade autónoma en produción e exportación de castañas, xa que cada ano se poden recoller nos montes galegos máis de 8.000 toneladas deste produto, cuxa valoración ascende a 1,29 millóns de euros anuais.

No tocante ás setas, a comunidade ten un peso importante na produción de cogomelos silvestres e conta con especies moi cotizadas no mercado. Os datos que manexa Medio Ambiente reflicten que o bosque de Galicia pode chegar a producir ata 45 quilos de cogomelos por hectárea de monte arborado, o que supón unha valoración total de 12 millóns de euros anuais.

XESTIÓN SOSTIBLE

Na actualidade máis de 50.000 hectáreas de montes de xestión pública dispoñen do certificado de auditoría que garante a xestión forestal sostible. As previsións da Consellería de Medio Ambiente pasan porque este ano se chegue ata as 100.000 hectáreas certificadas, co obxectivo de garantir así a sostibilidade dos montes galegos como elemento de valorización dos produtos e actividades forestais.

O certificado das primeiras 50.000 hectáreas foi entregado o pasado mes de novembro por AENOR e garante o cumprimento da norma UNE de xestión forestal sostible e a axeitada xestión dos montes incluídos na auditoría. Ademais, permite o uso do logo do sistema de certificación PEFC, de recoñecido prestixio internacional. O distintivo é froito dun intenso labor de ordenación forestal –na actualidade máis de 140.00 hectáreas de monte teñen plan de xestión- e da aplicación rigorosa de boas prácticas a prol da sostibilidade na superficie forestal de Galicia.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia