Ibuprofeno Teatro presenta en Tui a súa particular Raclette, na que os protagonistas tratan de sobrevivir a unha sociedade de contradicións

Pero os protagonistas non estarán sos durante a cena, xunto a eles, 45 espectadores poderán seguir o espectáculo dende o propio escenario, arredor da mesa onde ten lugar a representación, o que reforzará a idea de que os protagonistas abren a súa intimidade. Neste caso, o prezo das entradas é o mesmo e non implica que os asistentes teñan que participar na obra senón que son espectadores da trama, pero en primeira liña.
Nunha montaxe innovadora, a Raclette dirixida por Santiago Cortegoso levará ao escenario dúas cenas, e dúas tramas diferentes, nun mesmo espazo e tempo. Os cinco actores - Toni Salgado, Deborah Vukusic, Marián Bañobre, Iria Sobrado e Salvador del Río - cociñarán e compartirán comida á vez que tratan temas universais como a morte, a parella, a maternidade, a cobiza, a culpa e a violencia. Todos eles están a pasar por momentos de cambio e inestabilidade na súa vida nunha sociedade enferma que os devora sen remedio. Os cinco compartirán mesa e comida, pero en dúas tramas nas que á vez se produce un choque de visións que obrigan a convivir dentro da diferenza.
Por unha banda, Paula, ambiciosa axudante de dirección nunha produtora, seleccionou a Mateo para protagonizar unha importante serie de televisión, polo cal convida a cear Raclette aos seus pais para negociaren as condicións laborais do rapaz. Esta estratexia é moi mal vista pola súa parella, Raúl, que odia o universo audiovisual.
Por outra banda, Mario, xornalista de prestixio, que sofre a angustia de ter quedado no paro, espera que chegue do traballo Miriam, a súa parella, que se atopa nun estado de profunda tristeza tras a morte do seu único fillo Nico.
A obra ten unha duración aproximada de 75 minutos e foi galardoada co Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais de 2014 e coa mención ao mellor espectáculo de sala da 19 edición da Feira de Teatro de Castilla y León – Ciudad Rodrigo.
Gabinete de Comunicación do Concello de Tui