Preocupación da Valedora do Pobo ante o incremento de menores nos botellóns

O interese superior do menor, recoñecido na Convención de Nacións Unidas de Dereitos do Neno, esixe que os poderes públicos leven a cabo labores de supervisión para a protección da súa saúde física e mental. Tamén a normativa autonómica prohibe aos menores de idade inxerir bebidas alcohólicas, establecendo un sistema de infraccións e sancións para tratar de asegurar o cumprimento das súas previsións.
A valedora do pobo lembra a relevancia do aspecto educativo que, neste ámbito, deben desenvolver as familias como responsables directas de transmitir ás novas xeracións unha cultura de non tolerancia no consumo de alcohol a idades tan temperás.
A institución do Valedor do Pobo cre necesario reforzar, por outra banda, o control, a vixilancia e a supervisión por parte das autoridades nas concentracións con motivo dos botellóns que rexurdiron nas últimas semanas en moitos puntos da comunidade.
A valedora lembra a necesidade de aplicar as diversas medidas contempladas na lei 11/2010 de prevención do consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade, tanto as accións educativas e preventivas como as intervencións sancionadoras. Neste sentido, deben facerse controis investigación e sanción especiais aos establecementos de venda de alcohol ou ás persoas que proveen aos menores destas bebidas.
Gabinete de Comunicación do Valedor do Pobo