O Plan de vialidade invernal 2016-2017, activo entre o 1 de novembro e o 30 de abril

O Goberno galego, a través do Plan de vialidade invernal, ten como obxectivo facer fronte aos posibles efectos da climatoloxía adversa nos 5.500 quilómetros de estradas de titularidade autonómica.
Vázquez Mourelle destacou que este plan está operativo desde o 1 de novembro ata o 30 de abril, contando cos medios materiais e humanos necesarios para facer fronte ás condicións meteorolóxicas adversas, reducindo riscos e mantendo nas mellores condicións posible as vías autonómicas.
No caso concreto da provincia de Ourense, para atender os 1.000 km de estradas autonómicas existentes, o Plan de vialidade invernal conta cun dispositivo de 3 centros e 3 subcentros de conservación e explotación; case 2.000 toneladas de fundentes; 50 máquinas (camións, retroescavadoras, esparexedoras de sal...) e un equipo humano formado por 102 profesionais.
Concienciación social
A conselleira subliñou que “ningún plan da Administración pode substituír a prudencia e a concienciación social, polo que lle pedimos aos condutores que extremen as precaucións ao volante e sigan as recomendacións da Dirección Xeral de Tráfico para evitar complicacións”.
A responsable de Infraestruturas reiterou que “esta é unha petición constante sempre que falamos deste tema, pero que queremos ter especialmente presente en datas tan próximas ao día mundial en recordo das vítimas de accidentes de tráfico”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia