Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Pecha o primeiro Obradoiro Aberto Co-Lab, organizado polo Concello da Coruña

Un cento de axentes sociais, culturais, académicos e empresariais de distintos sectores e procedentes de toda Galicia traballaron conxuntamente no exitoso Obradoiro Aberto que durante dous días deu forma ao Co-Lab, o Laboratorio Cidadán da Coruña impulsado polo Concello, a través da Concellería de Participación e Innovación Democrática e máis da Área de Innovación Tecnolóxica, en convenio coa Universidade da Coruña. O debate aberto que protagonizaron os axentes de tan diversas procedencias ao longo de 48h de traballo conxunto foi amplo e intenso e frutificou nunha serie de propostas e liñas de acción que agora deben ser estudadas polo equipo impulsor do proxecto e máis polos responsables políticos e técnicos do Concello -que tamén estiveron presentes nas xornadas- para valorar como poden ser articuladas a través da partida prevista para o Co-Lab nos Orzamentos Municipais de 2017. Tanto a documentación xerada durante o Obradoiro como o resto do proceso de creación do Co-Lab están dispoñibles na web colab.coruna.gal e máis no repositorio transmedia aberto e de libre uso forxa.colab.coruna.gal , onde se agarda que continúe o debate.

O Laboratorio Cidadán da Coruña quere ser un espazo de produción e de prototipado de coñecemento, a través de diferentes grupos de traballo e de investigación que impulsen procesos de innovación cidadá para a transformación social, contribuíndo ao desenvolvemento cultural, social e económico da cidade. O Obradoiro artellouse sobre unha serie de liñas de acción ou grandes áreas temáticas que responden aos principais retos da sociedade e do territorio: a mobilidade, o habitar, o ser dixital, o social e o cultural. Cada grupo traballou unha liña e ofreceuas súas conclusións:

O grupo responsable da área social reclamou a falta de coñecemento duns cos outros alegando que “teñen que coñecerse e atoparse” porque “se non nos coñecemos, non construímos”. A característica fundamental de todas as conversas son o retorno social, nas que palabras como conciliar, recoñecer e facilitar son tamén protagonistas. Fundamentais para eles as alianzas co terceiro sector, cos integrantes dos barrios e cos técnicos da administración. Pola súa banda, e baixo a premisa de “aldeanizar a cidade”, o grupo do eixe O habitar tentou buscar “motivos para facer as cousas”. O discurso fundamentouse na busca de redes de apoio mutuo entre a veciñanza, prestar especial atención aos coidados, humanizar a cidade, minimizar o impacto amabiental, potenciar a economía social, visibilizar a aldea que hai na cidade ou explorar novas formas de xestionar os bens.

Ao respecto aos retos da mobilidade, e tras estes dous días de investigación, traballo e reflexión, os participantes no grupo -que decidiron autodenominarse “Removers”– puxeron sobre a mesa o cambio de hábitos de mobilidade ou a mellora da viabilidade dos percorridos a través de diversos mecanismos, al ianzas e campañas. O sector que traballou na liña o ser dixital, asumiu que a proposta ten unha triple vía: un espazo permanente de análise e experimentación sobre o uso da tecnoloxía na cidade, a creación dun espazo de making e outro de hacking que sexan complementarios entre si e as accións, relacionadas co xeito no que nos achegamos á tecnoloxía, sempre cun enfoque participativo. Finalmente, no eido cultural, as protagonistas do discurso foron a xestión de espazos, a potenciación da creatividade, o coñecemento aberto, os orzamentos transparentes e accións entre as que se atopan a investigación, a formación baixo demanda, a optimización de recursos ou a sostenibilidade, así como a creación dunha oficina de atención cidadá.

Dentro das introducións dos marcos de apertura do Obradoiro Co-Lab por parte de persoas expertas, foi especialmente aplaudida a de Antonio Lafuente, do CSIC, quen acolléndose a palabras de Isabelle Stengeres puxo sobre a mesa a idea de que “a ciencia moderna vilipendia aos que están fóra dela” para rescatar e resalltar o papel do amateur. O investigador propuxo construír un contexto de diversidade que tamén se convirta nun contexto de emprendeduría e innovación porque “estes amateurs logran contar coa hospitalidade como principal método de traballo, como tecnoloxía, como ferramenta a utilizar” e “a hospitalidade é un signo de organizacións que utilizan como referencia formas adaptativas, resilientes e con capacidade de talento”.

Pedro Jiménez, coordinador da área de formación do ZEMOS98, abordou o coñecemento aberto coma se fose unha norma, como unha das regras do xogo, pero tamén como un código aberto e propuxo un xeito claro de achegarse a el: copiando, derivando, remezclando, coidando (ao igual que xa apuntara Antonio Lafuente) e recoñecendo.

Enrique Saavedra (Galicia Maker Faire), pola súa banda, introduciu o concepto de produción na primeira xornada do Obradoiro, acolléndose á idea de que “é preciso crear entornos que faciliten que as cousas sucedan, que xeren un ecosistema e que fagan medrar o coñecemento” colocando as persoas no centro de todo xa que “somos as que comunicamos, as transmitimos coñecemento, valores, ferramentas, espazos e recursos”.

Xa dende a perspectiva das comunidades de aprendizaxe, Juan Freire (xTribe), quixo poñer en valor a capacidade pedagóxica do aberto porque “cando abres algo, tes que contalo e, cando o contas, sigues aprendendo”. Para el, a indisciplina, o coñecemento aberto, as comunidades de aprendizaxe e o prototipado son as normas de apertura que fan que se xeren os laboratorios cidadáns.

Ademais destes catro expertos, Nagore de los Ríos expuxo a súa idea sobre Participación e Gobernanza poñendo como modelo Irekia -a primeira plataforma de Goberno Aberto de fala hispana-, e Marcos García compartiu cos participantes a súa experiencia como director dun laboratorio cidadán, Medialab-Prado. Este último aproveitou a súa intervención para apuntar que os laboratorios cidadáns “desenvolven novas ideas e amplían o alcance e a riqueza do que facemos” e que “o Co-Lab pode ser un proxecto que poña as condicións necesarias para apoiar os colectivos que traballan en innovación cidadá”.

As súas intervencións subiranse ao longo dos próximos días á web colab.coruna.gal, como o resto da documentación xerada no proceso de creación do Laboratorio.
Concello da Coruña