Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A finais do inverno sempre hai un pico de lumes forestais

A actual vaga de incendios forestais non é algo inusual e nada parece ter que ver coa reunión da Xunta en Ribas de Sil. De acordo cos datos dos últimos 30 anos, en Galiza adoita haber dous picos de incendios, sendo un deles a finais do inverno (febreiro-marzo) e outro a mediados do verán. Nalgúns anos, por exemplo en 1992 e en 1997, o primeiro ten sido maior có segundo. Fronte á actitude teimuda da Consellería de Medio Ambiente de insistir en políticas fracasadas, a chuvia segue a ser a única ferramenta eficaz para conter o problema dos lumes. A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) demanda da Consellería de Medio Ambiente diálogo e participación social, prevención e xestión sostíbel dos montes.
ADEGA lamenta que o conselleiro de Medio Ambiente, Xosé Manuel Barreiro, teña desaproveitado a oportunidade da recente creación do Consello Forestal de Galicia para constituír un foro plural, independente e representativo de todos os axentes sociais interesados na xestión dos montes, cuxa principal finalidade debería ser consensuar accións eficaces e con visión de futuro para loitar contra os lumes forestais. A condena social e o maior esforzo na persecución dos incendiarios deben ir unidas a novas políticas e a maiores recursos para a promoción do aproveitamento ecoloxicamente sostíbel dos montes galegos.

Estratexia Galega fronte ao Cambio Climático

A xuízo de ADEGA, a Estratexia Galega fronte ao Cambio Climático aprobada polo Consello da Xunta en Ribas de Sil será tan ineficaz como o foi a Estratexia aprobada polo Goberno central do PP, que non evitou que España sexa o estado europeo máis afastado do cumprimento do Protocolo de Quioto. A Estratexia é unha estratexema para enganar á opinión pública, facéndolle crer que a Xunta está comprometida coa redución das emisións de gases que provocan o cambio climático global. A Estratexia non foi consensuada co movemento ambientalista e non fixa obxectivos cuantitativos de diminución das emisións por sectores.
A Estratexia non impedirá que Galiza sexa un dos países europeos onde máis están a medrar as emisións de gases con efecto invernadoiro (un 27% entre 1990 e 2001) e que as nosas emisións per cápita sexan moi superiores ás do conxunto de España (12,8 toneladas por habitante fronte a 9,7, en 2001), superando mesmo ás de estados como Alemaña ou o Reino Unido.
Se a Xunta estivese realmente comprometida coa aplicación do Protocolo de Quioto non tería defendido perante o Goberno central máis dereitos gratuitos de emisión de dióxido de carbono (CO2) para as obsoletas e altamente contaminantes centrais térmicas de carbón das Pontes e de Meirama (responsábeis dun 40% das emisións galegas), non impulsaría unha política de infraestruturas que fomenta o transporte por estrada ou non apostaría pola incineración do lixo fronte á compostaxe.
Adega