Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) presenta o Campus da Cidadanía

A presentación celébrase na Facultade de Filosofía da USC co lema A utopía no horizonte da cidadanía, aproveitando os cincocentos anos da primeira edición, en Lovaina, da obra Utopía, de Tomás Moro. O acto comeza coa intervención do reitor Juan Viaño, do comisionado da USC para este campus, José Antonio Caride, e do decano da Facultade de Filosofía, José Miguel Sagüillo, que explicarán as liñas de actuación que se veñen promovendo nos últimos meses arredor do proxecto.

A continuación desenvólvese unha conversa-coloquio sobre as utopías, celebrando a primeira edición desa obra en 1516 e tomando como pretexto a editada en galego en 2011 polo Servizo de Publicacións e Intercambio científico da USC en colaboración coa Fundación BBVA. A sesión moderaraa o profesor Juan M. Monterroso e nela intervirán o director do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC, Juan L. Blanco; o autor do prólogo á obra en galego, Torres Queiruga; a tradutora da obra ao galego, Helena de Carlos; a profesora da Facultade de Humanidades de Lugo Carmen Blanco; e o catedrático de Historia da Educación Antón Costa.

O acto remata coa interpretación musical de pezas alusivas á utopía por un cuarteto de corda dirixido por Mario Diz e a inauguración dunha exposición sobre a ‘utopía’ nos fondos documentais da USC, en colaboración coa Biblioteca Xeral.

Gabinete de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC)