A Xunta de Goberno da Deputación aproba solicitar ao Ministerio de Facenda a achega para a Estratexia Conecta Ourense

O proxecto márcase entre as súa prioridades xerar unha contorna urbana cohesionada, integrada e sen barreiras entre os municipios que conforman este espazo metropolitano, e pretende estimular o uso das TICs e a implantación do concepto “Smart” en todos os ámbitos, ademais de xerar un entramado económico e social forte entre a capital ourensá e os municipios limítrofes, apoiado nas potencialidades da zona.
Este proxecto é unha mostra do compromiso de cooperación da Deputación de Ourense na captación de investimentos e proxectos en beneficio dos pequenos concellos, os cales por si mesmos non poderían chegar a eles. Os municipios de: Barbadás, Pereiro de Aguiar, Amoeiro, Coles, Toén, Punxín, San Cibrao das Viñas xunta coa capital ourensá, conforman un espazo metropolitano con grandes potencialidades para o crecemento sostible, forman unha unidade territorial na que se comparten problemas, desafíos e obxectivos, polo que é preciso desenvolver liñas de actuacións coherentes e centradas no impulso medioambiental, económico e social desta área.
A delimitación da área urbana a efectos da estratexia definida estableceuse en función dos problemas urbanos que comparten a cidade de Ourense e os concellos que a rodean. Tendo en conta, así mesmo, as achegas recibidas dos cidadáns, dos axentes sociais e das administracións, co obxectivo de acadar unha área urbana conectada, que integre a todos os habitantes e que impulse o crecemento económico e social. Os oito municipios teñen ante si retos urbanos compartidos cuxa solución pasa por unha actuación conxunta, coordinada e integrada.
Gabinete de Comunicación da Deputación Provincial de Ourense