En Marea defende no Congreso a derogación das reformas laborais do PP e do PSOE

“Desde a reforma de 1984, con Felipe González, non deixaron de mentir ó pobo. PP e PSOE comparten idéntico dogmatismo”, sinalou a deputada na súa intervención.
O grupo confederal chegou a un acordo transacional co PSOE, e con 168 votos a favor, 131 en contra e 42 abstencións saiu adiante a iniciativa, para comezar o proceso da derogación da reforma laboral do PP e da redacción dun novo Estatuto dos Traballadores “que contribúa a recuperar dereitos dos traballadores e crear emprego estable e de calidade”.
No seu discurso, a deputada insistiu en que en lugar das 52 reformas laborais, o PP e o PSOE deberían facer 52 reformas para mudar o modelo produtivo e, desde aí, poder crear emprego de calidade.
Por este motivo, Díaz denunciou a actual situación do mercado de traballo: insuficiente, precarizado, masculinizado, descentralizado e empobrecido.
“Hai 7,2 millóns de persoas que queren traballar e non poden. O 92% dos novos contratos son temporais e ata 6,6 millóns de persoas percibe menos do SMI”, denunciou.
Neste contexto chegou a reforma laboral do PP, con consecuencias brutais para os traballadores e con “unha intención oculta: cargarse ós sindicatos de clase”, insistiu Díaz, que lembrou no pleno a famosa frase de Esperanza Aguirre: “Os sindicatos caerán como caeu o muro de Berlín”.
A deputada rematou a súa intervención recordando que “este grupo seguirá loitando polos dereitos laborais desde o hemiciclo, pero que onde realmente se acadan esos dreitos é na rúa, e aí nós sempre estaremos, do lado dos traballadores”.
Gabinete de Comunicación de En Marea