Nasdrovia presenta no Salón Teatro a obra de Manuel Lourenzo Illa/Ollo
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/nasdrovia.jpg)
Nesta montaxe, o enfrontamento entre Ulises e Sileno cando o rei de Ítaca está encerrado na cova do ciclope Polifemo achégalle ao público como a loita heroica contra o monstruoso se traslada á sociedade actual. Ademais, a versión de Nasdrovia converte o texto curto ‘Illa’ en ‘Illa/Ollo’ para ofrecer dúas aproximacións diferentes a este enfrontamento: en primeiro lugar como traxedia e en segundo, como farsa.
Para esta nova produción, a compañía bota man de dous nomes que representan a historia do teatro galego profesional e os novos valores da escena galega actual: Manuel Lourenzo e Roi Vidal, gañadores respectivamente da última edición dos premios Álvaro Cunqueiro para textos teatrais e Barriga Verde de Textos para Teatro de Monicreques na modalidade de adultos, ambos convocados pola Axencia Galega das Industrias Culturias (Agadic).
A posta en escena relaciona aberta e directamente este episodio do drama satírico de Eurípides con algúns dos temas vixentes nos nosos días, como os perigos do mundo do mar, o conformismo social ou a crise do sistema capitalista. Así, o texto pode lerse como unha metáfora da confrontación entre unha ideoloxía loitadora (Ulises) e outra conformista (Sileno) perante as inxustizas dunha opresión (Polifemo).
Público adolescente
O espectáculo está recomendado a partir dos 13 anos de idade e especialmente ideado para lle achegar aos espectadores adolescentes unha historia clásica desde un contexto contemporáneo.
Gustavo Fouce e Simón Piñón son os integrantes da compañía Nasdrovia, con sede creativa en Lugo, que con este espectáculo retoma a súa actividade despois dun par de anos centrada en diferentes proxectos educativos. Os seus compoñentes teñen colaborado, ademais, con outras formacións como Mircromina Títeres de Mondoñedo, ArtesaCía da Coruña ou Yázabro de Lugo.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia