Nace na USC a Cátedra do Camiño de Santiago e as Peregrinacións
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/peregrinos_praza_quintana.jpg)
Como manifestou Viaño no acto, a Universidade de Santiago de Compostela “xogou e segue xogando un papel destacado no coñecemento e na difusión do patrimonio cultural do Camiño de Santiago”. “Son moitos –dixo– os investigadores que teñen como un dos seus temas de traballo cuestións relacionadas coa cidade de Santiago e os camiños de peregrinación, e dende perspectivas moi diferentes”. Como exemplos, lembrou estudos da cidade medieval e moderna, das súas institucións, da súa arte e do seu patrimonio documental; do significado relixioso e cultural das peregrinacións nos contextos sociais e políticos das idades media e moderna, e na contemporánea; da materialidade dos propios camiños; dos valores económicos e turísticos asociados a este itinerario cultural de proxección internacional; ou da protección e defensa xurídica do patrimonio material e inmaterial.
A Cátedra Institucional do Camiño de Santiago e as Peregrinacións promoverá a difusión dos valores asociados coa peregrinación e o fenómeno xacobeo mediante a realización de cursos, seminarios, conferencias e actividades académicas. Fomentará ademais a promoción e organización daquelas iniciativas que contribúan a facilitar a reflexión e o debate cultural e académico no ámbito do Camiño co fin de acadar o seu mutuo enriquecemento intelectual e a mellora da súa formación cultural e universitaria.
A Cátedra tamén impulsará a colaboración con profesores e departamentos universitarios en todo o que favoreza a formación integral do alumnado e promoverá a investigación no campo do Camiño de Santiago e a peregrinación a Compostela. Por outra banda, crearase e manterase un fondo bibliográfico e documental sobre as materias específicas do Camiño e disciplinas relacionadas.
Gabinete de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela