Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A USC prepara o congreso A presenza feminina na escritura: voces de mulleres na Idade Media

A inscrición no congreso internacional ‘A presenza feminina na escritura. Voces de mulleres na Idade Media’, recoñecida cun crédito ECTS para estudantes de grao da USC e como actividade formativa do doutoramento en ‘Estudos Medievais’, remata o 30 deste mes.

A investigación sobre a importancia da muller medieval foi tradicionalmente marxinada nos estudos clásicos, supeditada á maior transcendencia histórica dos varóns. Non obstante, existen mulleres de diferente condición que ocuparon unha posición relevante e que contaron cunha produción literaria, artística ou filosófica que aínda non experimentou unha valorización positiva nin un interese semellante ao suscitado polos homes. Por esta razón, co encontro proponse analizar a feminidade xenética e/ou textual, presente tanto nos textos literarios como na documentación medieval. Estudaranse, en particular, voces femininas relevantes como Marie de France ou Christine de Pizan e presentaranse recursos dixitais de referencia sobre os estudos das voces de mulleres na Idade Media, tanto desde o punto de vista histórico como literario.

A reunión científica, cuxo comité organizador dirixe a profesora da USC Esther Corral Díaz, enmárcase dentro do proxecto de investigación ‘Voces de mujeres en la Edad Media Románica: realidad y ficción (siglos XII-XIV)’ (MINECO-FFI-2014-55628-P) e, ademais de dar cabida a relatorios impartidos por especialistas de referencia no ámbito internacional, ofrecerá un foro de difusión para a presentación de comunicacións do persoal investigador das áreas dos estudos humanísticos.
Gabinete de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela