Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

No Día da Árbore, ADEGA defende a prevención dos lumes, a conservación dos bosques autóctonos e a certificación forestal FSC

Con motivo da celebración do Día da Árbore, a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) destaca tres demandas: a prevención dos lumes forestais, a urxencia da conservación dos bosques autóctonos de maior valor e a promoción da certificación forestal a través do selo FSC. Baseándose en datos facilitados por axentes forestais, ADEGA estima que no que levamos de ano puidéronse ter rexistrado xa 5.000 lumes en todo o país, 2000 deles na provincia de Ourense. Os lumes seguen a ser o principal problema dos montes do país.
Malia a insistencia de Xosé Manuel Barreiro, conselleiro de Medio Ambiente, na tese do “terrorismo forestal”, o certo é que segue a ser insuficiente o esforzo na investigación dos lumes. Non existe colaboración axeitada entre policía autonómica, garda civil e axentes forestais, os únicos que parecen estar no monte. En calquera caso, ADEGA considera que a prevención debería ser o eixo da loita contra os lumes. Para iso é preciso que a promoción da xestión sostíbel do monte pase a ser unha das principais prioridades do Goberno galego.
Os bosques autóctonos, de acordo cos datos oficiais, ocupan na actualidade un 25% da superficie arborada de Galiza. O estado de conservación e o nivel de protección destes bosques é deficiente. Segundo a Estratexia de Conservación da Biodiversidade da Xunta, a superficie total dos bosques galegos considerados como hábitats de interese comunitario de acordo coa Directiva europea “Hábitats” é de 95.000 hectáreas, tan só un 7% de todo o monte arborado. Este dato pon de manifesto a urxencia dunha aposta decidida das institucións pola conservación dos bosques autóctonos, nomeadamente daqueles de maior interese natural.
No Día da Árbore, ADEGA fai un novo chamamento a institucións, propietarios forestais, empresas e consumidores para que apoien a certificación forestal baixo o selo FSC como contribución á xestión sostíbel dos montes en Galiza e no mundo. ADEGA, xunto coa Federación Ecoloxista Galega (FEG), Greenpeace e WWF/Adena, rexeitou a certificación polo sistema PEFC de 50.000 hectáreas de monte xestionadas pola Consellería de Medio Ambiente. Para as organizacións ecoloxistas, o sistema PEFC ten escasa credibilidade e está
desequilibrado a favor dos intereses produtivos.

ADEGA celebra o Día da Árbore

Para se sumar a celebración do Día da Árbores, as Delegacións de ADEGA organizaron as seguintes actividades:
- ADEGA-Barbanza, xunto coa Comunidade de Montes de Lesón (Póboa do Caramiñal), veciños e cazadores, promoveu unha plantación de árbores autóctonas que se enmarca nunha acción máis ampla de repoboación do monte comunal de Lesón, na serra do Barbanza.
- ADEGA-Ourense organizou un acto o 18 de marzo no Liceo baixo o lema “Protexer os bosques é cousa de todos”. O acto contou coa colaboración da Escola Provincial de Danzas, que deu un recintal de cantigas populares relacionadas coas árbores. ADEGA suxeriu ao Concello de Ourense que ceda un terreo para crear “O bosque dos ourensáns”, onde cada familia podería plantar unha árbore por cada fillo que teña.
- ADEGA-Trasancos aproveitou o Día da Árbore para reivindicar novamente perante o Concello de Ferrol a protección dos derradeiros bosques autóctonos ferrolás.
Adega