Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Coruña promociónase en Fitur 2017 como unha cidade nas vangardas no extremo atlántico

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, presentou na Feira Internacional de Turismo (Fitur), que se celebra en Madrid, a oferta turística da cidade para este ano. O rexedor indicou na súa exposición, que tivo lugar no stand de Galicia, que "a nosa é unha cidade atlántica, ubicada nun extremo da península pero que, á vez, se sitúa no centro das vangardas culturais e gastronómicas, así como nas políticas en defensa do patrimonio e a diversidade". "A Coruña é mar en todas as súas vertentes, unha experiencia única aberta a todo aquel que nos visite", indicou. A presentación, titulada nesta edición A Coruña, capital da cociña atlántica, mostra unha urbe e unha cidadanía que "abraza innovación e tradición a partes iguais, que foxe de falsas dicotomías e que leva este espírito tamén ao terreo culinario". De feito, diversos estudos de carácter autonómico indican que a experiencia gastronómica é unha das principais motivacións das persoas que chegan a Galicia como destino turístico.

Ferreiro, para explicar a excelencia gastronómica da cidade, recordou a figura de Manuel Puga y Parga, o alcalde Picadillo, "que reivindicou sempre a vida popular e os produtos propios desta cidade, fronte ás copias da cociña francesa de moda na súa época". "A nosa cidade segue a manter parte desa filosofía, e iso é tamén aplicable ao traballo que desenvolven os e as profesionais da gastronomía da nosa cidade", comentou o primeiro edil, que fixo un repaso polos principais eventos neste senso que presenta á cidade ao longo do ano. É o caso da ruta de tapas Picadillo, que ten lugar en setembro, o festival do bocadillo gourmet, Boucatise, en decembro, as xornadas de exaltación do lacón con grelos Lacónicas, no mes de febreiro, e o Bo en Boca, cociña de fusión entre as culturas árabe, xudea e cristiá, que se realiza en colaboración con Hospeco. Ademais disto, Ferreiro fixo especial fincapé no polo de atracción turística que significará a celebración, entre os días 12 e 14 de marzo, do Fórum Gastronómico, evento de recoñecido prestixio tanto a nivel estatal como internacional. "O Fórum responde ás necesidades das e dos profesionais, faise eco das tendencias do sector, e está aberto a todas as sensibilidades sociais e comprometido cos valores éticos. Non buscamos un evento esnobista, porque a cultura, a arte e tamén o turismo deben ser abertos a todos e a todas, para ter significado real. A diversidade e a coralidade son bens a coidar. Gústanos que A Coruña se visite en plural", comentou, á vez que quixo facer un recoñecemento ao sector da restauración na cidade. "Os e as chefs coruñesas terán un protagonismo moi especial nesta ocasión xa que ademais de participar activamente nos talleres serán os responsables de organizar o Fórum Cidade", a través do colectivo Coruña Cociña, alianza de 15 cociñeiros e cociñeiras da cidade entre as que se atopan dúas estrelas Michelín. O evento terá lugar os días previos ao Fórum.

Ferreiro, por outra parte, destacou o traballo realizado polo Concello e o Consorcio de Turismo da Coruña para a promoción do Camiño Inglés, que culminou co feito de que o Cabildo da Catedral de Santiago concedese outorgar a distinción da Compostela aos e ás peregriñas que fagan o traxecto entre A Coruña e Santiago, a pesar de non chegar aos 100 quilómetros habitualmente correspondentes. Para o presente ano, os servizos turísticos municipais veñen de preparar un plan de acción, co que se implementarán melloras tanto na sinalización como na información e o material divulgativo relativo a este camiño. "Realizaremos unha primeira peregrinación, en colaboración coa Asociación Galega de Amigos do Camiño, para que sexan os e as coruñesas as primeiras en beneficiarse desta ruta, ao tempo que levaremos a cabo accións de promoción tanto a nivel estatal como internacional", dixo o alcalde, quen tamén destacou a consecución da Compostela Náutica, que outorga a catedral a aquelas persoas que realizasen unha travesía marítima en embarcacións de vela de, ao menos, 100 millas náuticas. O pasado 26 de xullo, un cento de navegantes a bordo de 40 embarcacións chegaron ao porto da Coruña, e se espera "que a peregrinación marítima volva repetirse".

O primeiro edil tamén destacou as actividades deportivas de carácter náutico na cidade, así como as probas que terán lugar este ano, con regatas de traíñas, snipes, ou a competención de surf de carácter internacional. Na presentación da oferta turística da Coruña tamén destacou á figura da Torre de Hércules, patrimonio mundial da Unesco, paso fundamental para a súa posta en valor. Ferreiro salientou, ademais "do seu valor patrimonial, histórico e emocional", o seu privilexiado entorno natural, nos que se realizan numerosos roteiros de contemplación natural ao longo do ano. "O Concello, ademais, traballa arreo por protexer o seu entorno privilexiado coa declaración de Espazo Natural de Interés Local (ENIL)", explicou.

A presentación da Coruña en Fitur tamén destacou a oferta museística da cidade, cos Museos Científicos, o Muncyt, a Fundación Luís Seoane e as distintas casas museo, así como o seu abondoso patrimonio urbanístico e material, destacando toda a fachada atlántica da cidade, a Mariña, o casco histórico, os xardíns de San Carlos ou o cemiterio de San Amaro, que figura na ruta europea de cemiterios singulares. No terreo do ocio, o alcalde tamén falou da importancia da Festa de San Xoán, Festa de Interese Turístico Internacional, o Entroido, e as festas de María Pita e dos barrios durante o mes de agosto. "As nosas festas contan con eventos diversos para todos os públicos, abertas, e con ubicacións distintas, tanto nas praias como en prazas históricas da cidade", relatou Ferreiro, que destacou o pulo e recoñecemento a nivel estatal e internacional do Festival Noroeste Estrella Galicia. Por outro lado, comentou a posición da Coruña como "cidade de Culturas e de tolerancia", e destacou as numerosas feiras que se celebran na época estival, como é o caso do Salón do Cómic, Viñetas desde o Atlántico.

Por outra banda, o responsable municipal, acompañado do concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema -presidente tamén do Consorcio de Turismo da Coruña-, quixo subliñar a importancia do Plan Estratéxico de Turismo que se está a elaborar e que ten entre os seus obxectivos "fomentar a desestacionalización".
Gabinete de Comunicación do Concello de A Coruña