Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Oficina Técnica da Seca recomenda a moderación do consumo de auga

A Oficina Técnica da Seca (OTS) recomenda manter a moderación do consumo de auga e o uso responsable deste recurso. Esta é unha decisión que recomenda a OTS, despois da reunión celebrada para realizar o seguimento da situación e coordinar as medidas a adoptar durante a fase de Prealerta por seca.

Na reunión desta mañá avaliouse a información subministrada polos diferentes departamentos da Xunta e concluíron que:

A rede hidrolóxica da demarcación segue a rexistrar caudais excepcionalmente baixos para esta época do ano, xa que as pequenas precipitacións rexistradas no mes de xaneiro, non supuxeron cambios significativos na situación.
O nivel dos encoros de abastecemento da demarcación mantense en torno ao 70% e os recursos hídricos de reservas e rede fluvial son suficientes para garantir a demanda de abastecemento.
A previsión meteorolóxica para as vindeiras semanas é de tempo seo, con posibilidade de precipitacións de carácter puntual, polo que se considera necesario continuar recomendando ás administracións locais e á poboación, en xeral, a moderación do consumo de auga e o usos responsable deste recurso.

Por parte da Consellería do Medio Rural tamén se está a realizar un seguimento da situación actual e da súa evolución, con vistas a avaliar os posibles efectos da falta de chuvias sobre o agro galego. Este departamento súmase ademais ao chamamento xeral de facer e promover un consumo de auga responsable, tamén nos labores do campo.

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a través de Augas de Galicia, activou o pasado 12 de xaneiro a situación de prealerta por posibilidade de seca hidrolóxica en toda a Demarcación Galicia Costa. A decisión foi tomada logo de comprobar o baixo caudal que corre polos ríos respecto do que sería esperable nesta época do ano. Malia a todo, o abastecemento de auga á poboación está garantido e non hai motivo para alarma.

A Oficina Técnica da Seca (OTS), que conta con persoal especializado de todos os departamentos da Xunta con competencias na materia, isto é, MeteoGalicia, a Axencia Galega de Emerxencias, a Consellería do Medio Rural e a propia Augas de Galicia.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia