Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O CGAC recrea o pensamento crítico da arte española de 1975 a 1995

O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) presenta ‘[Ex]posicións críticas. Discursos críticos na arte española, 1975-1995’, un proxecto no que se pon de manifesto o xurdimento, durante esa época, de novos enfoques críticos e interpretativos no panorama artístico do país.

Para abordar as liñas de pensamento nesas dúas décadas, esta “exposición de exposicións” revisa 11 mostras con artistas e comisarios españois realizadas entre 1975 e 1995, “co fin de ir trazando o camiño percorrido pola arte nesas dúas décadas, e o pensamento crítico que o sustentou”. Así o asegurou o secretario xeral de Cultura, que participou na rolda de prensa do proxecto expositivo xunto co director do CGAC e tamén da iniciativa, Santiago Olmo, e mais cos dous comisarios, Mariano Navarro e Armando Montesinos.

Favorecer a reflexión arredor da arte

Segundo afirmou o secretario xeral, con proxectos expositivos coma este, o CGAC avanza nesa liña de actuación que ten como obxectivos principais favorecer a reflexión e a análise sobre a historia recente da nosa arte, pero coa que tamén se busca comprender o seu presente e propiciar ferramentas para abordar o seu futuro”.

‘[Ex]posicións críticas’, que abrangue todas as salas do CGAC, estrutúrase en tres grandes bloques, constituídos á súa vez por diferentes proxectos. Cada parte da exposición foi recreada co sentido de evocar as intencións críticas e a atmosfera dunha época de profundas transformacións sociais, culturais e xeracionais, con cambios como a nova figura do comisario de exposicións, a plena incorporación das mulleres ás artes plásticas, a creación de museos e centros de arte contemporánea, o carácter universitario dos estudos de belas artes ou as problemáticas do mercado.

Unha “exposición de exposicións”

O primeiro dos bloques, ‘Criterios interpretativos’, que abrangue os anos setenta e oitenta do século XX, reconstrúe de xeito visual e documental o proceso seguido para incorporar os artistas contemporáneos a escena e nel están representados creadores e creadoras como Carlos Alcolea, Eulàlia Grau, Eva Lootz e os galegos Menchu Lamas, Antón Patiño, Antón Lamazares, Francisco Leiro e Ignacio Basallo, entre outros. As exposicións que contempla esta primeira parte do proxecto son ‘Propac’, ‘1980’, ‘Madrid D.F.’, ‘Fóra de formato’ e ‘Atlántica’, esta última sobre o proxecto do mesmo nome xestionado e impulsado por artistas na década dos oitenta en Galicia, co obxectivo principal de chamar a atención sobre a diversidade da forza creativa galega neses anos.

A segunda parte do proxecto, ‘Interpretacións críticas’, presenta catro exposicións realizadas entre 1990 e 1994: ‘Madrid. Espazo de interferencias’, ‘O soño imperativo’, ‘100%’ e ‘Espazos públicos, soños privados. Trátase de catro proxectos curatoriais, que representan exemplos da verdadeira consolidación do concepto de comisariado no noso país. Finalmente, o terceiro bloque, ‘Desprazamentos teóricos’, comeza cunha exposición, paradoxalmente celebrada no estranxeiro, que aspiraba a marcar o camiño da arte no país nos anos noventa a partir dunha dobre mirada, cara ao pasado e cara ao futuro: ‘Antes e despois do entusiasmo’, comisariada por José Luis Brea. Súas son tamén as outras dúas propostas que conforman esta terceira parte: ‘Iluminacións profanas’ e ‘O punto cego’.

Actividades relacionadas

O proxecto expositivo complétase con ‘Tentativas críticas’, un ciclo de debates que fará un repaso polas principais problemáticas do pensamento crítico actual. Constará de 10 mesas redondas que reunirán máis de 40 artistas, críticos e comisario españois. Esta tarde, ás ás 18:00 horas, previamente á inauguración do proxecto expositivo, celebrarase a primeira sesión, coa participación de Dora García, Martí Manen e Isidoro Valcárcel Medina, e moderado por Juan Bosco Díaz Urmeneta. Nela abordaranse os referentes intelectuais sobre os que os críticos e artistas configuran o seu propio territorio persoal e social.

O escenario destes debebates serán as salas de exposición, nunha das pezas que a conforman: uns bancos realizados por Laboratorio de Luz que configuran un hexagrama do I-Ching e que foran deseñados para acoller uns debates en ARCO 93. As intervencións dos participantes no ciclo publicaranse, xunto con outros contidos, nunha revista dirixida polos comisarios do proxecto e coordinada por Natalia Poncela.

Os comisarios: Armando Montesinos e Mariano Navarro

Armando Montesinos é profesor desde 1989 na Facultade de Belas Artes de Cuenca. Especialista en arte contemporánea, organizou máis de 100 exposicións de artistas nacionais e internacionais, como comisario independente e como director da galería Fernando Vijande nos oitenta, e das galerías Juana Mordó e Helga de Alvear nos noventa. Entre 1983 e 1985 foi subdirector do programa de TVE ‘La edad de oro’, dedicado ás artes e á música. Publicou numerosos textos en catálogos, prensa e revistas especializadas. É membro do Consello de Críticos e Comisarios de Artes Visuais, que actualmente presidente.

Crítico de arte e comisario de exposicións, Mariano Navarro presidiu entre 2005 e 2009 o Consello de Críticos e Comisarios de Artes Visuais, do que é vogal. Desempeñou o seu labor crítico en medios xornalísticos como ‘El País’, ‘ABC’, ‘La Razón’ e, na actualidade, no suplemento ‘El Cultural’ do xornal ‘El Mundo’. Colabora tamén en ‘Artecontexto’, ‘Solar’, ‘Campo de relámpagos’ etc. Comisario de máis de 50 exposicións, é autor do libro ‘La luz y las sombras en la pintura española’ (Espasa-Calpe, 1999). Desde o ano 2000, é membro do xurado do Premio Altadis, España / Francia, do que foi comisario nas edicións 2001 e 2006-2007. Guionista de programas culturais en televisión como ‘Trazos’, ‘Imágenes’, ‘Tiempo de papel’ e ‘La gran galería’, colabora coas editoriais Espasa-Calpe e Anaya, Acento e Ediciónes B, entre outras.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia