Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A comisionada para o reto demográfico califica as medidas de conciliación da Xunta de 'boas prácticas'

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey, reuníronse en Santiago de Compostela coa comisionada do Goberno para o reto demográfico, Edelmira Barreira, co obxectivo de coordinar medidas neste ámbito.

Tras o encontro, o vicepresidente agradeceu á Comisionada que se desprazase ata Galicia para coñecer as políticas autonómicas na materia, que se sitúan á cabeza do Estado. Ao respecto, indicou que, aínda que a comunidade ten que facer fronte a un problema de envellecemento e de baixa natalidade, xa se están poñendo as bases para reverter esta situación.

Ademais de poñer en marcha medidas de fomento da natalidade e de conciliación, Galicia está defendendo en todos os foros aos que asiste que a demografía é un dos grandes retos actuais. Así, entre outras iniciativas, Galicia foi impulsora, xunto con outras sete autonomías, do Foro de rexións españolas con desafíos demográficos.

O Goberno galego promoveu tamén que se incluíra esta cuestión na axenda estatal, tal e como se fixo, por exemplo, na Conferencia de presidentes. Precisamente grazas a un destes acordos, o Goberno conta hoxe cun Comisionado para o reto demográfico.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia