Vedra celebra as XXII xornadas Arredor da Camelia, referente internacional

No contexto destas xornadas, organizadas ao carón do Pazo de Santa Cruz de Ribadulla e que axudan ano a ano a consolidar a camelia como un recurso diferenciador de Galicia, Nava Castro fixo mención á aposta da administración autonómica por poñer en valor o noso patrimonio histórico e botánico a través da Ruta da Camelia, da cal afirmou “xa é todo un referente internacional”.
Segundo explicou, esta ruta construída por unha ducia de xardíns tanto públicos como privados está a dar a coñecer os recursos dos concellos nos que se sitúan os principais enclaves e xardíns con camelias. Neste senso, puxo en valor a sinalización turística propia destes lugares que permite identificalos de xeito sinxelo.
Durante o acto, Nava Castro recordou ademais que este mesmo ano, a administración autonómica porá a funcionar o Comité da Ruta da Camelia. “Será un paso definitivo para a profesionalización dos xardíns con este produto único en Galicia”, indicou a directora incidindo en que a nosa comunidade é o segundo lugar con máis variedades de camelia despois do Xapón, ao albergar máis de duascentas especies e preto de 30 mil variedades diferentes.
Ademais, engadiu que ningún outro lugar ofrece ao visitante unha variedade de especies de flor de camelia, de coleccionistas, de exposicións e de produtores de planta de camelia que se pareza á de Galicia.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia