Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Portos de Galicia incrementa a súa facturación nun 9% interanual no primeiro mes do ano 2017

Portos de Galicia incrementou a súa facturación nun 9,3% interanual no primeiro mes de 2017. Así o contempla o informe de xestión do organismo portuario, que recolle o balance de actividade ata o 31 de xaneiro e sitúa en 2 millóns de euros a facturación acadada o pasado mes.

En canto ao tráfico de mercadorías, o volume de carga e descarga nos 122 portos de titularidade autonómica situouse no primeiro mes do ano en 121.500 toneladas. Os movementos de mercadorías mais importantes corresponderon respectivamente aos portos de Ribadeo con 37.500 toneladas; Brens (Cee), con 31.100 toneladas; e Cariño, con 28.835 toneladas. Cómpre destacar así mesmo os movementos rexistrados nos peiraos da Mariña lucense e concretamente no de Viveiro-Celeiro, con 12.530 toneladas e Burela, con 9.400.

Respecto á descarga de pesca fresca, nos peiraos dependentes da Xunta de Galicia descargáronse ata o 31 de xaneiro preto de 7.000 toneladas de peixe, un 11% máis que no mesmo período de 2016. Esta cifra supuxo un importe total da venda en lonxa de 23 millóns de euros. Os peiraos con maior volume de descarga de pesca fresca foron: Ribeira, con 1.800 toneladas; Burela, con 1.500, e Celeiro, con 1.300 toneladas.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia