Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Chévere conmemora o Día da Muller coa representación de Bravas e diversas

O Teatro Principal acollerá un espectáculo teatral a cargo de Chévere que leva por nome Bravas e diversas. O evento terá un ton festivo, pero ao mesmo tempo reivindicativo, centrándose en aspectos relacionados co traballo das mulleres e outros temas como a corresponsabilidade, os coidados ou a conciliación laboral.

As encargadas de conducir o espectáculo serán As Fillas Bravas, unha creación de Chévere dentro da súa liña de teatro con perspectiva de xénero. Son tres mulleres maiores que percorren aldeas, vilas e cidades cos seus cantos emancipatorios, recollendo a tradición dos cantos femininos para elaborar un discurso empoderador.

As Fillas Bravas levan feitas máis de 80 actuacións por toda Galicia, moitas delas para públicos adolescentes e outras tantas para públicos maiores e de zonas rurais, conectando sen dificultade con todos eles. Actualmente percorren tamén as parroquias de Compostela no marco das actividades programadas para o 8 de marzo. As entradas xa están esgotadas.

O mércores, 8 de marzo, conmemórase o Día Internacional das Mulleres. Por iso, o Concello de Santiago promove unha chea de actividades para lembrar esta data. Fallarase o I Premio Xohana Torres de ensaio e creación audiovisual. Estes galardóns foron recuperados este ano polo Concello, de tal xeito que, ademais de dar a coñecer os proxectos gañadores, tamén se presentarán as bases da vindeira edición.

Ás 12:00 horas, o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e o resto de integrantes da Corporación darán lectura a unha declaración institucional con motivo do Día Internacional das Mulleres, na que se fará unha condena aos asasinatos machistas e tamén ás violencias que as mulleres sofren no día a día, tanto físicas como psicolóxicas.

O Concello de Santiago vén de unirse ao Paro Internacional das Mulleres, un movemento que transcende das nosas fronteiras e que está impulsado por numerosas entidades e organizacións feministas. A este parón sumáronse máis de 35 países de todo o mundo e xorde como resposta á violencia sistemática que sofren as mulleres.
Sumándonos a esta reivindicación, o Concello de Santiago enviou unha circular a todas as mulleres traballadoras da institución para que, de 12:00 a 12:30 horas, se sumen a ese parón internacional.
Gabinete de Comunicación do Concello de Santiago de Compostela