Voadora presenta a súa versión do Soño dunha noite de verán, de Shakespeare

Voadora recolle a obra de William Shakespeare e versiónaa nun texto adaptado polo dramaturgo chileno Marco Layera. Con dirección de Marta Pazos, acoden de novo a Shakespeare, a quen xa representaran con A tempestade, para facer unha versión libre que afonda en temas profundos e actuais como a revolución feminista ou a realidade de xénero, en clave poética, divertida e musical.
Sinopse
Demetrio e Lisandro queren a Hermia. Ela só ten ollos para Lisandro, pero o pai dela só acepta a Demetrio. A súa amiga Helena ama a Demetrio, pero este amor non é correspondido. Hermia e Lisandro acordan fuxir da cidade ao amparo da escuridade, pero son perseguidos por un enfurecido Demetrio que, á súa vez, é perseguido por unha extasiada Helena. No bosque, sen o coñecemento dos mortais, Oberón e Titania (rei e raíña das fadas) teñen unha disputa sobre un criado. A trama xira cando o súbdito de Oberón, Puck, corre solto cunha flor que fai que as persoas namoren do primeiro que vexan ao espertar.
Entradas
As entradas teñen un prezo de 10 euros (5 euros para desempregados, maiores de 65 anos, xubilados, menores de 25 anos, estudantes, familias monoparentais, familias numerosas e perceptores de rendas sociais) e poden mercarse en entradas.abanca.com, no 902 434 443 ou no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas).
Fotografía: Tamara de la Fuente (web de Voadora: http://www.voadora.es/sueno-de-una-noche-de-verano?lightbox=dataItem-izf6ss6f)
Gabinete de Comunicación do Concello de Santiago de Compostela