Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Compostela en catro décadas, unha ollada do fotógrafo Manolo Blanco

Ata o 30 de abril o Colexio de Fonseca acubilla unha exposición do fotógrafo compostelán Manolo Blanco cunha parte da extensa obra coa que retratou ao longo das últimas catro décadas as rúas e xentes da capital galega.

‘A cidade no tempo. A mirada de Manolo Blanco’ inaugurarase o mércores 15 de marzo ás 20.00 horas nun acto no que participarán o reitor Juan Viaño, o presidente do Ateneo de Santiago, Salvador García-Bodaño; o presidente da Asociación de Periodistas de Santiago, Luís Menéndez, e presidente da Real Sociedade Económica de Amigos do País, Juan Bautista de la Salle, todos eles responsables das entidades organizadoras da exposición, que contou co patrocinio da Deputación da Coruña e o Concello de Santiago.

A exposición dá conta da cidade compostelá a través da cámara de Manolo Blanco, poñendo en valor o fotoxornalismo e o labor gráfico desempeñado por un fotógrafo que xa é tamén parte da historia de Compostela. A evolución urbanística, a vida cotiá, o barullo das prazas, o mercado, as protestas, a vida institucional, a Universidade, as festas… unha cotidianeidade retratada por un profesional con longa traxectoria e a quen tamén así se lle quere render unha homenaxe.

‘A cidade no tempo’ pode visitarse de luns a sábado de 11.00 a 14:00 e de 17.30 a 20.30 horas.
Gabinete de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela