O Concello da Coruña valora a última edición do Fórum Gastronómico como escaparate da cociña

O responsable de Emprego e Economía Social destacou a "boa aceptación" por parte da cidadanía así como "a importante influencia de público" aos eventos do Fórum Cidade que se celebraron por primeira vez este ano en colaboración co colectivo Coruña Cociña, integrado por cociñeiras e cociñeiros da cidade, como o gastrofestival A Coruña Sabe, celebrado no Palexco o sábado 11, "unha boa oportunidade para visibilizar a oferta culinaria máis innovadora da cidade". O edil avanzou que Goberno local "ten intención de darlle continuidade nos próximos anos" a unha iniciativa "proposta polo propio colectivo". Dentro do Fórum Cidade tamén tivo lugar, o domingo 12, a xornada A catro mans, na que nove restaurantes da cidade abriron as súas portas a outros tantos profesionais da gastronomía coruñesa para ofrecer creacións conxuntas, "unha oportunidade para poñer en valor a cociña atlántica, ante a convivencia estes días na cidade de numerosos profesionais do sector chegados de todo o mundo", destacou Lema.
O edil estivo acompañado na rolda de presentación por Lanzada Calatayud, xerente de Turismo da Coruña, o deputado provincial de Turismo, Xosé Regueira, os directores do Fòrum Gastronòmic, Pep Palau e Jaume von Arend, e por Manuel Pérez Piñón, representante de Hijos de Rivera SAU, empresa patrocinadora. Palau cualificou esta terceira edición, que tivo como eixo temático A Nova Cociña Galega, como "a máis exitosa de cantas tiveron lugar estes anos en Galicia, unha opinión na que concordan cociñeiras, cociñeiros, público profesional e patrocinadores do evento".
Gabinete de Comunicación do Concello de A Coruña