Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O estaleiro Freire entrega o buque oceanográfico Carrasco para o Goberno de Perú

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou en Vigo que o naval galego está traducindo en emprego e carga de traballo o seu esforzo por innovar e por introducir tecnoloxías máis avanzadas a toda a cadea de produción. Conde destacou na entrega do oceanográfico Carrasco, que Freire construíu para o Goberno de Perú, que este buque é unha proba palpable de que a construción naval en Galicia cobrou impulso e que o fixo coa mirada posta no mercado internacional.

O conselleiro, que lembrou que o naval galego creou 1.000 novos empregos o ano pasado, agradeceu a confianza depositada nesta industria e no saber facer dos seus profesionais, e sinalou que a entrega do buque supón un recoñecemento internacional a unha das empresas máis representativas do sector.

Recordou o conselleiro de Economía, Emprego e Industria que Freire tamén está construíndo un buque escola para a Armada Indonesia, un oceanográfico para Arabia Saudita, e ten contratados dous pesqueiros conxeladores para dúas armadoras de Groenlandia. Catro barcos que, tal e como fixo fincapé Conde, forman parte dos 23 buques que compoñen a carteira de pedidos que neste momento teñen en vigor os estaleiros galegos, que supoñen case o 40% dos contratados a nivel de toda España. En total, o conxunto do sector en Galicia logrou nos últimos anos proxectos por máis de 2.300 millóns.

O conselleiro recordou que a Xunta está acompañando a innovación no sector, centrándose en que as empresas galegas vinculadas ao naval se sitúen á vangarda no tocante co estaleiro 4.0, a través de programas como o Innterconecta e Conecta Pemes. Precisamente, Freire está participando na segunda convocatoria do Innterconecta, cun proxecto de conformado de chapas que permitirá reducir considerablemente o tempo e o custo de consumibles que actualmente se empregan neste proceso. A iniciativa conta cun orzamento total de 2 millóns de euros, e nela tamén colaboran Nodosa e Citic.

Conde fixo fincapé en que a medida que a industria vai incorporando maior tecnoloxía, os traballadores deben estar máis preparados e especializados. Unha aposta pola formación que, subliñou, debe dirixirse a todos os traballadores do sector, apoiando as necesidades actuais dos estaleiros. Neste contexto é onde se sitúa o primeiro plan sectorial de formación que se acaba de aprobar en Galicia, dirixido neste caso ao naval e que incide xustamente en apoiar a especialización dos profesionais do sector, tanto en activo como desempregados. Cun presuposto de 12 millóns de euros para os próximos dous anos, o plan multiplicará por cinco, ata 170, a oferta de cursos impartidos ata agora neste ámbito.

Incluirase formación á carta para as empresas do naval, e centrarase en todo tipo de especialidades e en escenarios emerxentes como a Industria 4.0. En Vigo, adáptanse os talleres de soldadura, tubaxe e mecanizado que se imparten no Centro Integrado de FP para contar coas mellores instalacións posibles para impartir os cursos.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia