A XVI Bienal de Teatro da ONCE visibiliza as diversidades
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/bienal_teatro_once_2017.jpg)
O alcalde coruñés estivo acompañado na rolda de prensa polo conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, o Delegado Territorial da ONCE en Galicia, Manuel Martínez Pan, o director artístico da Bienal, Esteve Ferrer, a xefa de departamento de promoción cultural de braille da ONCE, María José Sánchez, e a actriz coruñesa do grupo Valacar Yésica Val, quen participou cunha actuación. Durante a presentación deuse a coñecer o cupón do 2 de abril da ONCE, que levará a imaxe da Bienal en máis de 5 millóns e medio de boletos, "o que suporá tamén unha importante promoción para a nosa cidade e o noso país en todo o Estado", destacou Ferreiro.
A sede principal da Bienal, que comezará o 30 de marzo, será o Teatro Rosalía de Castro, que acollerá unha estrea diaria até o domingo, 2 de abril. O festival tamén chegará a distintas localidades de localidades de Galicia, como son Burela, Carballo, Ferrol, Lugo, Monforte de Lemos, O Barco de Valdeorras, Ourense, Pontevedra e Vigo. En total, participarán oito compañías de teatro de todo o Estado que inclúen no seu elenco actrices e actores con discapacidade visual, "mostra que a diversidade, non é sinónimo máis que de pluralidade", aseverou Ferreiro. La Luciérnaga (Madrid), La Ruina (Albacete), Muxicas (Ourense), Orozú Teatro (Cádiz), Sa Boira (Baleares), Samaruc (Valencia), Sarau (Barcelona) e Valacar, que é da Coruña, serán os grupos que participen nesta edición.
As entradas desta XVI Bienal de Teatro serán gratuítas e os convites poderán recollerse desde mañá na sede da Fundación ONCE ou, no mesmo día da representación, no Teatro Rosalía Castro. Na Coruña poderán verse as representacións de El manantial, de John Millington Synge, interpretada polo Grupo Sa Boira o día 30, e Arsénico por compaixón, unha adaptación de Tito Asorey sobre o texto de Joseph Kesselring, que levarán ao escenario membros do grupo Muxicas o día 31. Xa na fin de semana, o sábado 1, La Luciérnaga representará Caricias, de Sergi Belbel e, o domingo 2, o grupo Orozú Teatro interpretará En black-Vivir en Negro, de Belén Pérez Daza. Todas as obras comezarán ás 20.30 horas.
Gabinete de Comunicación do Concello de A Coruña