Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

As feiras do libro de Galicia 2017 botan a andar en Verín

As Feiras do Libro de Galicia 2017 inician en Verín un percorrido que as levará por 16 concellos das catro provincias galegas, dous máis que o pasado ano. Ata o 2 de abril, o municipio ourensán convértese en escaparate das últimas novidades editoriais, que chegan acompañadas dunha completa programación de actividades que teñen a lectura como protagonista.

“O período que comezamos esta tarde é case como o comezo dunha estación anual para os libros”, afirmou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, no acto de inauguración da feira. “Hoxe –engadiu–, Verín acolle este primeiro abrocho, e detrás virá toda esa primavera de libros, este ano por 16 concellos galegos, ata o mes de agosto”.

Segundo explicou, trátase dun “arranque estacional con dimensión tamén internacional, porque, o vindeiro luns, o libro galego iniciará tamén o seu periplo nas feiras profesionais máis relevantes do mundo”. Do 3 ao 6 de abril, o sector editorial galego participará, co apoio da Consellería de Cultura e Educación, na Feira do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña, que dará paso despois a outras citas, como a de Buenos Aires e a de Frankfurt.

O escritor Xosé Carlos Caneiro, encargado de ler o pregón no acto de inauguración, abriu esta tarde a programación de actividades coa presentación do seu libro ‘Todas las vidas de Madame Bovary’. Ata o domingo, outros autores e autoras, como Alberte Blanco, Antón Riveiro e Eva María Canal, visitarán a feira para presentar e asinar as súas últimas obras. Tampouco faltarán os contacontos, os obradoiros para os máis novos e a música, a cargo da Coral Polifónica de Verín.

O percorrido das Feiras do Libro de Galicia 2017

Logo do seu paso por Verín, o percorrido da Feiras do Libro de Galicia 2017 polas catro provincias continuará do 19 ao 23 de abril en Ferrol. Na capital de Galicia a cita será desde o 29 de abril ata o 7 de maio. No mes das letras tamén será a quenda das feiras do Porriño, do 11 ao 14 de maio; de Lugo, do 16 ao 21 de maio, e de Ourense, do 31 de maio ao 4 de xuño. Redondela celebrará a súa feira do libro entre o 8 e o 11 de xuño e posteriormente terán lugar as feiras de Ribeira, do 22 ao 25 de xuño; de Vigo, do 29 de xuño ao 8 de xullo; de Rianxo, do 20 ao 23 de xullo; de Mondoñedo, entre o 24 e o 26 de xullo; e de Ponteareas, do 27 ao 30 dese mesmo mes. En agosto serán as feiras do libro da Coruña, do 1 ao 10; de Viveiro, do 13 ao 16; de Foz, do 17 ao 20; e de Monforte de Lemos, que pechará a edición de 2017 entre os días 23 e 26 deste mes estival.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia