O arqueólogo Celso R. Cao e o compositor Germán Díaz guían a ‘Noite na Domus’
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/usc_aqueologo.jpg)
O obxectivo desta iniciativa, promovida desde a Área de Cultura do Campus Terra da USC, non é outro que o de afondar no coñecemento da historia a través dunha viaxe musicada pola xacemento que permita ao espectador achegarse tamén ás diferentes épocas históricas a través das súas composicións sonoras. Daquela, este xoves Germán Díaz será o encargado de interpretar e transmitir a música que escoitaban os nosos antepasados.
A Noite na Domus é un programa pensado para permitir aos asistentes descubrir a familia do centurión que habitou a casa enclavada onde está o xacemento, os motivos do seu traslado, o cargo e os cometidos que desempeñou, xa que máis que un centurión era e persoa encargada da recadación tributaria no Norte peninsular. De feito, como curiosidade cómpre dicir que a propia ara ou altar na honra de Mitra fai máis fincapé en cuestións de recadación que de devoción.
O arqueólogo Celso R. Cao guiará esta visita pola historia que amosa o propio xacemento, un percorrido no que estará acompañado nesta ocasión do zanfoñista Germán Díaz. No relato histórico Celso R. Cao abordará tanto o mundo romano como a Idade Media, un período no que este arqueólogo fará fincapé na construción da catedral e a súa necrópole, así como noutros feitos relacionados, como o que supón a realidade de que basílica non ocupa un lugar central dentro do burgo.
Chegados ao século XVIII, ‘Noite na Domus’ posibilitará unha aproximación ao Pazo de Montenegro, en cuxa fachada aínda se poden atopar elementos decorativos da catedral. As composicións musicais xurdidas da basílica neste século, así como outras creacións máis recentes tamén formarán parte do repertorio que interpretará Germán Díaz.
Gabinete de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela