Culturas presenta o ciclo de primavera de Poetas Di(n)versos na Coruña
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/poetas_dinversos_coruna_pres.jpg)
As sesións de primavera comezarán o próximo luns, 10 de abril, cunha proposta na que Islandia será o eixe central, coa asistencia dos poetas Sjón e Elías Portela, ambos residentes no país nórdico. O primeiro deles, considerado unha das plumas máis brillantes de Islandia, "e un dos poucos poetas candidatos as Premios Óscar", explicou Castaño, é tamén autor de parte das letras da cantante Bjork. Pola súa banda, o cangués Portela, cuxo alter-ego islandés é Elías Knorr, "está considerado un dos poetas máis representativos da lírica actual do país boreal", afirmou a directora do ciclo, quen explicou que Portela é tamén o responsable da tradución ao castelán e ao galego da obra de Sjón.
Xa no mes de maio, o día 8, Irlanda, e en concreto a cidade de Cork, será o fío que unirá ás dúas voces que asistan á cita lírica: Eiléan Ní Chuilleanáin, considerada "unha das máis importantes poetas contemporáneas do seu país", aseverou Castaño, e o poeta de Noia Martín Veiga, director do Centro Irlandés de Estudos Galegos na Universidade de Cor e gañador dos premios Fiz Vergara Vilariño ou Esquío. Finalmente, no mes de xuño, "dúas revelacións da poesía de Galicia e México", aseverou Castaño, "como son Antón Blanco e Gerardo Grande", formarán a parella de autores convidados no último dobre recital da tempada. "Mocidade, agudeza e moita paixón definen dúas obras poéticas que veñen pisando forte", sinalou. Todas as citas de Poetas Di(n)versos, de entrada libre e gratuíta, serán ás 20.30 horas no auditorio do espazo municipal e, como vén sendo habitual, en cada sesión poderán adquirirse exemplares dos libros das e dos poetas participantes.
Museos Científicos
Antes preguntas dos medios de comunicación sobre o servizo de atención ao público dos Museos Científicos Coruñeses, José Manuel Sande detallou os compromisos adquiridos tanto polo Goberno local como pola empresa adxudicataria que xestiona o servizo, que manterá a continuidade do mesmo unha vez remate o contrato público que o rexe --o vindeiro día 14-- e durante o tempo que sexa necesario para a preparación, adxudicación e formalización dun contrato "ponte", de próxima licitación, así como a estabilidade do emprego do cadro de persoal adscrito ao mesmo, mantendo as súas condicións actuais, e a retirada do Expediente de Regulación Temporal de Emprego. "Este acordo, que se levará mañá a Xunta de Goberno local, permitirá tanto a retirada do ERTE como desconvocar a folga anunciada para esta fin de semana e os dos días finais do contrato, os días 13 e 14 de abril", sinalou Sande.
O executivo comprometerase tamén a iniciar o expediente de contratación do contrato transitorio, o que supón o comezo dunha nova licitación, e, ao tempo, á posta en marcha dos traballos preparatorios para a licitación, mediante procedemento aberto, do futuro contrato de atención ao público, "entendendo que, neste contrato histórico, hai elementos susceptibles de perfeccionamento e mellora", especificou o concelleiro, coa finalidade de formalizar o mesmo "no prazo máis breve posible, de acordo con todos os actores implicados no proceso, e de maneira que se poida convocar neste 2017".
Gabinete de Comunicación do Concello de A Coruña