Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O desfile de 'Star Wars' estrea novo percorrido polo Casco Histórico de Compostela

A concelleira de Turismo de Santiago, Marta Lois, acompañada dos representantes da Tropa Korriban, Manuel Ángel Gayoso, Andrés Torreiro e Juan Piteira, presentaron o novo percorrido do desfile dos Imperial Stormtroopers que se celebrará o 27 de maio. Está previsto que o desfile comece ás 17:30 e remate ás 19:30 horas.

O desfile partirá do colexio La Salle. Pasará por rúa Valle Inclán, costa de San Domingos, Porta do Camiño, Casas Reais, rúa Travesa, rúa San Bieito, cantón de San Bieito, praza da Pescadería Vella, praza de Santo Agostiño, rúa das Ameas, praza de San Fiz, travesa da Universidade, praza da Universidade, praza de Mazarelos, rúa Cardeal Payá, rúa das Orfas, cantón do Toural, praza do Toural, rúa do Vilar, praza de Praterías e rúa Fonseca, para chegar finalmente ao Obradoiro.

Un grupo de persoas organizou aquel evento, que foi un éxito de participación, con máis de 20.000 asistentes. A partires daquel evento naceu a Tropa Korriban, asociación de fans de Star Wars de Galicia. No 2013 organizou o segundo desfile de Star Wars en Santiago, neste caso para celebrar o 30º aniversario de O retorno do Jedi.

Neste terceiro desfile celebrarase o 40º aniversario da estrea da primeira película da saga de Star Wars, que se proxectou por primeira vez en 1977 e coa que George Lucas comezou a crear un universo con millóns de seguidores en todo o mundo.

Desta vez está confirmada a participación de Paul Blake, actor británico que fixo o papel de Greedo na primeira película da serie. Paul Blake asinará autógrafos o día do evento, polo que calquera afeccionado a Star Wars poderá contar cun documento manuscrito asinado por un actor participante na primeira película da serie. A recadación que se consiga doarase á Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia.

No desfile haberá unha homenaxe á figura da actriz Carrie Fisher, quen interpretou á princesa Leia. Todas as persoas que desexen participar poden atopar máis información en www.imperialstormtroopers.es.
Gabinete de Comunicación do Concello de Santiago de Compostela