Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Unha serie sobre tradición e innovación en Galicia, publicada en ABC, premio Carracedo de xornalismo 2017

Unha serie de reportaxes sobre tradición, modernidade e innovación en Galicia, publicada no xornal ABC, vén de gañar o XXVII Premio “Xosé Aurelio Carracedo” de xornalismo na súa convocatoria de 2017. O xurado, reunido no Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, ditaminou outorgar por unanimidade o galardón, que concede a Deputación de Ourense, aos xornalistas Patricia Abet Rodríguez, Abraham Coco Barajas e Elena Pérez Rodríguez de Somoza pola serie de reportaxes titulada Las mil Galicias.

O premio, dotado con 3.000 euros e diploma, entregarase o 3 de maio, Día Internacional da Liberdade de Prensa, nun acto que se celebrará no Salón de Plenos da Deputación de Ourense. O certame, que anualmente convoca a Deputación de Ourense, honra a memoria do xornalista ourensán que lle da nome ao premio, falecido en 1988.

O xurado destaca do traballo premiado que ofrece “unha visión dos ámbitos tradicional e contemporáneo de Galicia”, e supón “unha aposta pola modernidade galega”. Asemade, subliña que esta serie de reportaxes “achega unha panorámica sobre a situación actual de Galicia desde o punto de vista da solidariedade, a innovación e o emprendemento”, e supón “unha aposta dun medio e dos seus profesionais por un traballo en equipo, continuado no tempo, para analizar a realidade actual de Galicia, ofrendo aspectos sobre o problema demográfico, a investigación e os sectores económicos que resisten e seguen impulsando competitividade en Galicia”.
O xurado, presidido polo deputado provincial de Cultura, Manuel Doval Soto, estivo integrado polo vicedecano da Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela, Carlos Toural Bran; o directivo da Asociación de Periodistas de Santiago e delegado territorial da TVE e RNE en Galicia, Rafael Cid Fernández; o xornalista, Xesús Manuel García Díaz, colexiado co Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia; e o decano da Facultade de Ciencias Sociais e Comunicación de Pontevedra, Xosé Manuel Baamonde Silva, actuando como secretario o responsable de Comunicación da Deputación de Ourense, Fernando Rodríguez Méndez.

Premiados

Patricia Abet Rodríguez (Santiago de Compostela,1983): estudou Filoloxía Hispánica e Xornalismo na Universidade de Santiago de Compostela e leva oito anos desenvolvendo seu labor profesional na Delegación de Galicia do diario ABC. Abraham Coco Barajas (Salamanca, 1987): estudou Xornalismo e Comunicación Audiovisual na Universidade Carlos III de Madrid. No ano 2010 comezou a traballar en ABC na central en Madrid e no ano 2012 trasladouse á delegación de Galicia deste xornal. Elena Pérez Rodríguez de Somoza (Santiago de Compostela, 1980) estudou Xornalismo e Comunicación Audiovisual na Universidade “Antonio de Nebrija”, de Madrid. Comezou seu labor no ABC no ano 2003 na delegación de Galicia de ABC e actualmente é a xefa de prensa da delegación territorial da Xunta en Vigo.
Gabinete de Comunicación da Deputación Provincial de Ourense