Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Reivindícase a unidade do sector e das administracións en defensa do libro galego

No acto tamén participaron a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín; o secretario Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; e os principais responsables das tres entidades organizadora do evento: Xosé Ballesteros, da Asociación Galega de Editores; Cesáreo Sánchez, da Asociación de Escritores en Lingua Galega; e Antón Pedreira, vicepresidente da Federación de Librarías de Galicia.

Martiño Noriega expresou a satisfacción do Concello de Santiago por poder formar parte da Gala do Libro Galego, e encomiou a unidade de libreiros, editores e escritores na organización do evento. Tamén quixo poñer en valor a unidade das distintas administracións na defensa e posta en valor dun sector tan importante da cultura.

Na mesma liña expresouse o presidente da Asociación Galega de Editores, convencido de que "esta unidade entre o sector e as distintas administracións permitirá que o sector do libro persista na súa resistencia cultural e non se extinga". Xosé Ballesteros cualificou a Gala do Libro Galego como "unha gran festa que lle pon o mellor colofón posible ás celebracións ao redor do Día das Letras Galegas".

Premios en once categorías

A Gala do Libro Galego é unha iniciativa que xurdiu o ano pasado para unificar tres iniciativas anteriores: os Premios da Irmandade do Libro promovidos pola Federación de Librarías de Galicia; a Gala das Letras, da Asociación de Escritores en Lingua Galega, e a Noite da Edición, da Asociación Galega de Editores.

O evento contempla 11 categorías de participación e tres premios de honra, e os gañadores serán designados por un xurado independente. As categorías establecidas son Ensaio, Obra traducida, Proxecto literario na rede, Literatura infantil e xuvenil, Iniciativa cultural ou de fomento da lectura, Libro ilustrado, Teatro, Xornalismo cultural, Narrativa e Poesía.
Gabinete de Comunicación do Concello de Santiago de Compostela