Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Anova apoia a moción de censura e contra o Réxime da Corrupción

É un paso imprescindible na defensa dos intereses das clases populares agredidas polas políticas de austeridade, para frear a deriva autoritaria do réxime e activar procesos constituíntes para que a cidadanía poida decidilo todo.

No contexto de excepcionalidade creado pola podremia que abeira o goberno do Partido Popular, parécenos positiva e oportuna a proposta de En Marea e as organizacións que fan parte do Grupo Confederal de presentar unha moción de censura contra Mariano Rajoy, máximo representante do Réxime da Corrupción e dun partido que se sitúa claramente fóra do espazo de lexitimidade democrática.

A corrupción é un elemento sistémico, unha forma de goberno, unha marca de réxime. Esta non é só unha afirmación do espazo de ruptura, é nesta hora unha evidencia indiscutible para a inmensa maioría da cidadanía. O Réxime do 78 dexenerou no Réxime da Corrupción. O Partido Popular é a organización que o xestiona, o mantén e lle dá continuidade.

Á súa conveniencia creáronse dispositivos de financiamento para o partido e mesmo para enriquecemento persoal dos seus dirixentes, utilízase o aparello do Estado para condicionar decisións do poder xudicial e créase así un pano de impunidade.

O Réxime de Corrupción atende os intereses das grandes corporacións económicas, que fan boa parte dos seus negocios na contratación pública coas diferentes administracións do Estado, e apóiase nunha política de desinformación deseñada desde os medios de comunicación públicos, sometidos a un groseiro control partidario, e desde a maioría dos medios privados, subordinados tamén ao goberno e as grandes corporacións empresariais.

Sen o engraxe de toda esta maquinaria non se entende o dominio político do PP. Esta relación estreita entre o control da administración pública, o mundo dos negocios e os grandes medios, sempre á marxe de calquera posibilidade de decisión e control democrático, é a rede que articula e impón a hexemonía conservadora, un poder que neste momento só se mantén porque o Partido Popular ocupa o Goberno do Estado.

Para rematarmos co Réxime da Corrupción, cómpre retirar o PP do goberno do Estado. Para iso é necesario o apoio de todas as forzas democráticas e de esquerda que estean verdadeiramente comprometidas na loita contra a institucionalización da corrupción. Precisamos unha alianza non só de organización políticas, senón do conxunto de forzas que operan na sociedade civil, con compromisos firmes coa transparencia e cun auténtico control democrático da cidadanía. É imprescindible poñer fin non só ás zonas máis negras, tamén ás aparentemente grises, coma a que xustifica Alberto Núñez Feijóo para lexitimar e dar cobertura ideolóxica a prácticas e formas de proceder amplamente rexeitadas na sociedade galega. Alberto Núñez Feijóo fai tamén parte activa e consciente do mesmo aparello de corrupción.

O Réxime da Corrupción impediu o cambio político despois dos resultados históricos que o espazo de ruptura no Estado e en Galiza conquistara o pasado 20 de decembro de 2015. Agora é o momento de abrirmos un novo ciclo político que crebando o réxime da corrupción abra un proceso de democratización radical da man de políticas de mudanza que sosteñan actuacións concretas para rescatar as persoas damnificadas pola austeridade neoliberal e para construír un horizonte democrático de respecto á vontade das nacións e dos pobos do Estado.

Nun momento en que avanza o populismo de ultradereita en Europa, experiencias de colaboración entre as diferentes esquerdas, como a portuguesa, son outro espello nos que mirarnos. Mais somos conscientes de que non se trata de que todo se reduza a unha estratexia parlamentaria: cómpre que se acompañe cun proceso de empoderamento cidadán no que participen movementos, organizacións civís e partidos, unha rede de mobilizacións populares nas rúas e nas prazas, nos centros de traballo e en todos os espazos e recantos da sociedade.

Chegou o momento de elixir entre a decencia democrática ou o Réxime da Corrupción presidido por Mariano Rajoy.
Gabinete de Comunicación de Anova