O izado da bandeira da Unión Europea (UE) conmemora o día en que se cumpren 67 anos da súa orixe
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/dia_europa_2017.jpg)
O Día de Europa celébrase xa desde hai máis de dúas décadas para homenaxear a Jean Monnet e a Robert Schuman, os cales o 9 de maio de 1950 lanzaron a idea de integrar a todas as nacións europeas para poder desterrar para sempre a guerra deste continente. Este acto considérase orixe e semente da creación da actual Unión Europea.
Pese ao seu carácter periférico dende o punto de vista xeográfico, Galicia converteuse nas últimas décadas nunha rexión plenamente identificada coa construción europea, cunha relación cada vez máis sólida con Bruxelas tanto dende o punto de vista político, como económico e social.
Neste sentido, a implicación da Comunidade galega con Europa queda patente día a día en eidos como a política pesqueira e agrícola, a cooperación transfronteiriza co norte de Portugal ou a xestión dos fondos estruturais. Ademais, a solidariedade comunitaria, como parte esencial da UE dende o seu inicio, ten contribuído de xeito decisivo ao fortalecemento de Galicia dende a súa adhesión.
O acto realizado hoxe nas instalacións da Administración autonómica está previsto na normativa europea de fondos estruturais da política de cohesión.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia