A exposición Os mundos de Carlos Casares abre as súas portas na capital de Galicia
Os mundos de Carlos Casares, exposición central das Letras Galegas 2017, chega á capital de Galicia, onde se pode ver ata o 25 de xuño na Zona “C”. “É unha enorme satisfacción para a Xunta de Galicia acompañar este proxecto, nesta parada en Santiago de Compostela; porque é unha maneira de contribuír a dar a coñecer o autor, pero tamén porque as reflexións e as ideas suxeridas a través desa liña de vida e dos seus textos, esa capacidade creativa e comunicativa da súa palabra, son unha boa semente para o futuro”, afirmou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, no acto de inauguración.A “festa grande” da cultura galega
Segundo salientou, “a fin deste mes de maio das Letras non supón un peche, senón unha apertura de novas portas e novas fiestras para seguir difundindo e para contribuír ao aprecio social da figura e da obra de Carlos Casares”. Neste sentido, recordou que “todo este mes foi un auténtico fervedoiro de iniciativas da índole máis diversa arredor de Casares e dos seus textos, o que cualificou como “unha auténtica celebración compartida”, ao tempo que se referiu ás Letras Galegas como a festa grande dos nosos libros e da nosa cultura; máis aínda este ano, no que o autor homenaxeado contaba xa co cariño e co recoñecemento de miles de lectores”, dixo.
Logo da súa exhibición na sala José Ángel Valente de Ourense, onde iniciou o pasado mes de abril a súa itinerancia, a exposición permanecerá ata o 25 de xuño na cidade compostelá, para proseguir o seu percorrido por outros puntos da xeografía galega, como a Coruña e o municipio ourensán de Xinzo de Limia.
Un percorrido polo universo de Casares
Os mundos de Carlos Casares é un proxecto itinerante impulsado pola Fundación Carlos Casares, pola Xunta de Galicia, polos concellos de Ourense e de Xinzo de Limia e mais polas deputacións provinciais de Ourense e da Coruña.
Comisariado por Gustavo Adolfo Garrido e Chus Martínez Domínguez, a mostra propón un achegamento ao universo vital e literario de Carlos Casares, a través dunha sucesión de territorios simbólicos: Paisaxes, Luzadas, A Viaxe, Conviña... e O Redondel, que van explicando as cuestións fundamentais da súa vida, da súa produción literaria e do seu compromiso co país e coas súas xentes.
Cinco espazos metafóricos diferenciados, pero permeables grazas a unha coidada montaxe fundamentada na transparencia, que permiten debuxar escenas e activar experiencias sociais, políticas, educativas e artísticas. A cartografía resultante devolve unha imaxe que aspira a ser completada polo público; unha viaxe de ida e volta, circular, que convida a revisitar a escena cultural galega nas cinco últimas décadas, recuperando unha visión do escritor e dos seus lugares que aspira a conectar coas xeracións máis novas.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia
