Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O Concello crea a Colección SELIC, vinculada á Semana do Libro de Compostela

O alcalde explicou que a Colección SELIC é "un recoñecemento aos autores, porque sen eles non se entende a Compostela Literaria". Por iso, o Concello recuperou obras que nalgúns casos xa foron editadas e que "teñen algún nexo de unión ou algún vínculo emocional con Santiago".

A Colección SELIC nace con cinco volumes. Nun deles recóllense dous títulos diferentes: Charanga da lúa primeira, de Roi Vidal, e O cavaleiro do Monte Pedroso, de Carlos Quiroga. Tamén forman parte da colección Cabeleira de pedra, de Helena Villar Janeiro e Xesús Rábade Paredes; Aquí somos así, positivamente, de Suso de Toro; Laxes de Vrins, de Mariña Pérez; e Os últimos indios, de Patricia Janeiro.

Todos os autores participaron na presentación da colección. No seu nome, Suso de Toro agradeceu a iniciativa do Concello porque "é importante crear unha biblioteca da cidade". O escritor considerou que ter unha colección propia "é unha idea moi acaída para Compostela, porque é a cidade da linguaxe e das cantigas e na que se ampararon figuras literarias tan importantes como Rosalía de Castro ou Ramón María del Valle-Inclán".

No acto de presentación tamén participou Paco Macías, membro da Mesa do Libro que impulsou a organización da Semana do Libro de Compostela xunto co Concello. Para el, "é moi importante que a SELIC sexa tamén unha xeradora de propostas ao redor do sector do libro, como esta colección específica". O libreiro tamén recoñeceu que "a Mesa do Libro está pensando xa na próxima edición da Semana do Libro de Compostela, porque a intención é que esta iniciativa permaneza e medre". O obxectivo último, dixo Paco Macías, "é que Santiago sexa declarada oficialmente Cidade Literaria pola Unesco".
Gabinete de Comunicación do Concello de Santiago de Compostela