Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Prepárase un plan estratéxico que axude a reverter a situación demográfica

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, asistiu á reunión de traballo da Macrorrexión do Sudoeste de Europa (RESOE), á que acudiron representantes das comunidades autónomas de Asturias, Cantabria, Castela e León, así como das rexións centro e norte de Portugal, para abordar temas de índole demográfica. Deste xeito, o titular autonómico, acompañado polo coordinador do grupo de traballo da RESOE, João Malva, explicou que todas as rexións presentes están unidas polo reto de mellorar a calidade de vida dos seus habitantes no que respecta ao coidado dos nenos e nenas e tamén das persoas maiores.

Neste sentido, Rey Varela anunciou que a RESOE está a elaborar un plan estratéxico que permita traballar para responder a estes desafíos comúns, baseado en tres eixos de actuación: a mellora da calidade de vida das persoas maiores, o fomento das políticas que teñen que ver coa conciliación nos contornos de carácter rural e a innovación sociosanitaria aplicada ao benestar da poboación. “Buscamos que o desenvolvemento deste plan nos permita establecer proxectos a curto prazo para mellorar as políticas nestes campos”, afirmou o conselleiro.

Este documento global presentarase a finais deste mes de xuño en Castela e León e permitirá enfocar o traballo colaborativo para o horizonte 2020 e tamén para as seguintes décadas.

Ao fío disto, o conselleiro lembrou que a Xunta contempla dous ámbitos fundamentais relacionados co reto demográfico como é poñer o foco nas medidas de conciliación e, por outra banda, “isto vai asociado ao coidado dos nosos maiores, que é un fenómeno que temos que estudar e prever”. Na actualidade, un 24% da poboación galega supera os 65 anos e para o 2050 os indicadores arroxan que, se a taxa de natalidade se mantén nos datos dos últimos 30 anos, Galicia terá un 34% de persoas que superarán esta idade. “Temos que prepararnos para eses novos tempos e por elo, o reto demográfico ten moito que ver co coidado dos máis pequenos, pero tamén co coidado das persoas maiores: queremos que vivan máis, pero tamén que vivan mellor”, afirmou Rey Varela.

O titular autonómico explicou que “implementar esta estratexia con Portugal vai dar un carácter internacional ás nosas propostas, fundamentalmente no ámbito da Unión Europea, e propiciará unha captación de fondos europeos que nos pode axudar a mellorar as políticas que xa estamos a desenvolver así como a incorporar novas medidas”.

No encontro tamén se abordou a necesidade de atopar medidas de apoio social que eviten a perda poboacional baseada no coñecemento, a transferencia de información e a tecnoloxía de cara a xerar emprego para os mozos e mozas das rexións implicadas.

Ambos mandatarios saudaron a celebración desta reunión de vital importancia para reverter a situación demográfica a través deste plan estratéxico no que está a traballar a RESOE, co que se comeza a preparar o traballo de sensibilización política de Bruxelas para que as preocupacións destas rexións, sexan tamén as preocupacións de Europa.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia