Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

USC e Deputación de Lugo bonifican o 50% da matrícula en 10 dos 15 títulos de grao impartidos no Campus Terra

O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno, o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos Conde, e o concelleiro de Educación do Concello de Lugo, Manuel Núñez, presentaron nos xardíns do Pazo de San Marcos ‘ Para estudar, Lugo’, unha campaña de promoción de Lugo como cidade universitaria e que ofrece descontos do 50% no custo da matrícula aos novos estudantes de primeiro curso en 10 titulacións de grao ofertadas pola USC nos distintos centros do Campus Terra.

O abano de titulacións de grao incluídas nesta cuarta edición de ‘Para estudar, Lugo’, unha campaña que leva por lema ‘O teu futuro pasa por Lugo’ e para que as que se ofrecen un desconto do 50% do custo da matrícula: Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais, Enxeñaría Civil, Enxeñaría en Xeomática e Topografía, Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria, Enxeñaría Forestal e do Medio Natural, Lingua e Literatura Españolas, Ciencias da Cultura e Difusión Cultural, Relacións Laborais e Recursos Humanos, Xestión de Pequenas e Medianas Empresas, Administración e Dirección de Empresas. A Deputación Provincial de Lugo destina unha partida de 300.000 euros a financiar a metade do custe das novas matrículas en primeiro curso de cada unha destas titulacións.

A posta en marcha desta campaña incluída no plan de impulso do campus de Lugo promovido pola Deputación Provincial en colaboración coa USC pretende dar continuidade ao éxito das anteriores convocatorias. De feito, as accións promovidas ao abeiro deste plan desde 2013 permitiron incrementar a taxa de ocupación da totalidade de prazas que ofrece a USC no seu Campus Terra. A media do incremento da matrícula sitúase no 9% no caso das 10 titulacións de grao que son beneficiarias destas axudas, aínda que hai casos nos que o repunte de alumnado foi moito maior, como é o caso do grao en Enxeñaría de Procesos Químicos Industrais, que pasou de 18 a 47 alumnos, ou o grao en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria, cuxo nivel de matrícula avanzou de 30 a 45 novas inscricións no primeiro curso.

Ao inicio do curso 2013-2014, a taxa de ocupación de prazas no Campus de Lugo era do 62,9%. Tras as campañas de promoción de Lugo como cidade universitaria, que se levaron a cabo nos cursos 2014-2015 e 2015-2016 e 2016-2017, esta sitúase hoxe no 71%. Son case 10 puntos máis.

O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno, destacou o cambio de tendencia na evolución da matrícula universitaria que propiciou a posta en marcha do plan de impulso ao campus de Lugo, cuxas accións contribuíron a que a sede universitaria luguesa captara nos últimos anos máis estudantes en todas as titulacións de grao e posgrao ofertadas pola USC nesta sede universitaria.

O aumento da oferta de cursos de verán da USC na sede universitaria luguesa e noutras localidades da provincia, a organización de prácticas en todas as titulacións, a celebarción en Lugo de congresos científicos e a crecente presenza de estudantado estranxeiro que fai do Campus Terra da USC a cuarta sede universitaria galega máis internacional son outros dos aspectos positivos derivados desta campaña, segundo sinalou Bueno, quen tamén relacionou a boa posición acadada pola sede universitaria luguesa no último ránking elaborado pola Fundación BBVA cos apoios que recibe o campus das administracións provincial e local, axudas que repercuten na mellora da calidade, dixo.

“Creo que temos o mellor campus universitario e a mellor provincia”, dixo o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, na presentación da campaña ‘O teu futuro pasa por Lugo’. Campos sinalou neste senso que “hai moitos motivos para estar no campus universitario lugués”, entre os que citou a súa completa oferta formativa que permite a especialización nas distintas áreas do saber; o carácter internacional dun campus multilingüe que acubilla alumnos de ata 20 nacionalidades diferentes; a calidade de vida que ofrece a cidade e a provincia de Lugo e a excelencia académica e científica acreditada polos últimos informes e ránkings, relatou.

O prazo de prescrición de matrícula xa está aberto e permanecerá ata o 30 de xuño. A partir do 12 de xullo os novos estudantes de primeiro curso poden solicitar a súa bolsa a través do formulario de matrícula na web da USC. Toda a información ao respecto desta campaña está accesible a través da web www.paraestudarlugo.com.
Gabinete de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela