Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Xunta traslada ao Comité Europeo das Rexións as prioridades de Galicia para deseñar a nova PAC

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, trasladou aos membros da Comisión de Recursos Naturais (NAT) do Comité Europeo das Rexións, de visita en Galicia invitados pola Xunta, as prioridades da nosa comunidade con respecto á futura PAC máis alá do 2020 e, en xeral, sobre as liñas fundamentais das políticas comunitarias en relación co agro, atendendo á singularidade do noso territorio en canto á produción de leite e á base territorial.

Así, a conselleira, que estivo acompañada polo director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, incidiu na importancia que para a nosa comunidade ten o mantemento no futuro dos dous piares da PAC (pagos directos a explotacións e política de desenvolvemento rural). Trátase, segundo explicou Ángeles Vázquez, de manter unhas rendas dignas para os nosos agricultores e gandeiros, sen descoidar o enfoque máis amplo das políticas orientadas a impulsar o agro desde o punto de vista social, económico e ambiental.

Ao tempo, a conselleira transmitiu outras demandas de Galicia en relación coa PAC, como é a súa necesaria simplificación ou o mantemento dos apoios á incorporación de mozos, e lembrou os esforzos realizados pola Xunta para acadar a aplicación de medidas especialmente orientadas cara o sector lácteo, entre elas o cambio do período de verificación dos cultivos. Precisamente na busca de medidas para este eido, a conselleira sinalou que o seu departamento está a avanzar na mellora da base territorial das explotacións galegas, impulsando os procesos de reestruturación parcelaria ou o labor do Banco de Terras.
Interese estratéxico do lácteo

Ángeles Vázquez remarcou que a produción e transformación do leite teñen para Galicia un interese estratéxico e por iso precisamente convidouse aos integrantes desta comisión a coñecer sobre o terreo esta actividade. A conselleira insistiu en que a nosa comunidade ten o mellor produto, grazas ás especiais características do noso territorio, clima e solos, e á profesionalidade dos gandeiros e das industrias para transformalo. Neste senso, engadiu, é preciso seguir facendo un esforzo para dar un paso máis no camiño da excelencia neste eido da transformación, polo que supón de posta en valor do produto.

Precisamente esta mañá tiveron a oportunidade de visitar a explotación gandeira Sociedad entreaugas, situada na parroquia de Fisteus, no concello coruñés de Curtis, e de desprazarse ata o municipio de Touro para coñecer a queixería Queizuar, na parroquia de Bama. Deste xeito teñen unha visión directa do sector leiteiro galego, algo fundamental para realizar con coñecemento de causa o seu traballo nas institucións comunitarias, que se centra en temas coma o desenvolvemento rural, a PAC ou a produción alimentaria.

En total son 11 os membros deste organismo (coñecido como Comisión NAT) presentes hoxe en Galicia, de países tan diversos como Irlanda, Polonia, Estonia, Luxemburgo, Italia, Letonia, Romanía, Reino Unido ou Grecia. A súa estadía en Galicia coincide cun momento de debate e negociación, no seo das institucións comunitarias, arredor da futura PAC despois do 2020, polo que resulta moi oportuna para sensibilizalos sobre o impacto das políticas agrícolas da UE no plano rexional en comunidades como a nosa, nas que o agro e o sector lácteo teñen un peso moi especial.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia