Invertirase máis dun millón de euros na catedral de Mondoñedo entre 2017 e 2018

O titular de Cultura fixo fincapé na importancia da incorporación da Catedral de Mondoñedo á Lista do Patrimonio Mundial, “ao considerala como ben inmoble integrante do territorio do Camiño de Santiago”, e referiuse ao compromiso da Xunta na salvagarda deste ben. En concreto, o conselleiro explicou que o seu departamento ten previsto investir entre este e o vindeiro ano máis de 1M de euros no conxunto catedralicio, logo de terse realizado xa todos os estudos previos para determinar as problemáticas patrimoniais do ben.
Finalmente, o conselleiro explicou que, “aínda que a Catedral é o eixo que vertebra a fisionomía desta vila, desde a Consellería colaboramos noutras actuacións que contribuirán a mellorar a atracción cultural que Mondoñedo esperta”, e referiuse en concreto a dous proxectos de futuro como son a musealización da casa natal do grande Álvaro Cunqueiro e as actuacións no xacemento arqueolóxico dos Castros.
No acto participaron a alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, o deán da diocese de Mondoñedo-Ferrol, Pedro Díaz, e a directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro.
Actuacións en marcha
Neste momento hai dous proxectos no templo mindoniense. Por unha banda, o de conservación e restauración da catedral, que conta cun orzamento inicial de máis de 880.000 euros, do que actualmente se están a elaborar os pregos para a licitación da obra, e por outro, o proxecto básico e de execución da restauración da Casa dos Cóengos, cun orzamento de máis de 350.000 euros, e do que se vén de abrir hoxe mesmo o sobre C da licitación da obra. Ambas as dúas obras están cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, e comezarán este mesmo ano.
No caso da Catedral, o ámbito de actuación é a cuberta da catedral e do claustro así como de maneira puntual en paramentos exteriores da nave da igrexa e obras puntuais de mantemento e conservación das fachadas oeste e norte. Pola súa banda, o obxectivo da intervención na Casa dos Cóengos é garantir o mantemento e conservación do edificio, evitar o seu deterioro e corrixir as diversas patoloxías da súa estrutura co fin de acondicionalo para a convivencia de usos propiamente diocesanos e públicos.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia