Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

En Marea considera intolerable que Feijóo opte por desaparecer e non dar a cara ante o acontecido coa transferencia da AP-9, o anuncio de peche de escolas ou o caos provocado polo plan de transporte

En Marea obrigará ao presidente da Xunta de Galicia a dar contas da súa “ausencia clamorosa” despois de se coñecer o intento de veto por parte do Goberno do Estado á lei de transferencia aprobada por unanimidade no Parlamento de Galicia, un ataque directo á vontade da cidadanía galega e a propia democracia como destacou o vicevoceiro de En Marea, Antón Sánchez. “Semella que a terra tragou ao presidente da Xunta de Galicia” exclamou o vicevoceiro destacando a súa falla de reacción ante o anuncio da AP-9 ou ante o caos provocado polo anuncio de peche de colexios no rural por parte da consellería de Educación e a consellería de Infraestruturas e o seu improvisado plan de transportes. “É intolerable que ante o que está a acontecer, o presidente da Xunta de Galicia opte por desaparecer” afirmou.

No relativo ao intento de veto do Estado da lei de transferencia da AP-9, o vicevoceiro de En Marea no Parlamento salientou que “non sorprende a baixa catadura moral e democrática do Partido Popular para empregar argucias como as incluídas no informe para tratar de impedir o debate do acordo do Parlamento galego e agora vemos que temos un presidente cómplice de Madrid que sabía perfectamente o que ía acontecer”. Para Antón Sánchez trátase simplemente de “defender a democracia” xa que “non se pode tomar como normal que un goberno do Estado empregue mentiras para impedir os dereitos democráticos”.

O vicevoceiro referiuse tamén ao plan de transportes e o que está a facer o Partido Popular que asegurou é “unha auténtica vergoña”. A soberbia e falla de diálogo do Partido Popular vese reflectida pola súa negativa a dialogar e escoitar á cidadanía. Sánchez insistiu na improvisación e falla de responsabilidade do Goberno galego que provocará que volvamos perder a oportunidade de contar cun verdadeiro plan, eficaz e adaptado ao noso país.

Ante todo isto, Antón Sánchez asegurou que Galicia “ten un Goberno que desgoberna e non da a cara ante cuestións fundamentais e básicas en democracia”.

As iniciativas que o grupo parlamentario levará ao vindeiro pleno centraranse na defensa dos servizos público e acabar cos recortes que atacan ao rural continuando co proxecto de abandono e envellecemento do Partido Popular. Os incendios e servizo contraincendios e a atención primaria no sistema sanitario público son outros dos temas que o grupo parlamentario presentará en sesión plenaria. O grupo ofrecerá alternativas a todos estas cuestións de país nas que se reflectirá que En Marea si ten un proxecto de país.

Unha nova proba do xeito totalitario de traballar do PP

O vicevoceiro de En Marea denunciou o xeito de proceder do Partido Popular que levará ao pleno unha modificación dos Orzamentos galegos de máis de 200 millóns de euros polo trámite de lectura única deixando en evidencia unha vez máis o seu “xeito totalitario de traballar”. Unha modificación ademais que ben a constatar as advertencias do grupo parlamentario cando afirmaban que había marxe para mellorar os servizos sociais e que pese a isto, o PP optou por rexeitar todas as emendas presentadas por En Marea no trámite de aprobación dos orzamentos galegos para vir agora “tarde, mal e a rastro” con esta modificación.
Gabinete de Comunicación de En Marea