Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O Festival Sinsal 2017 esgota todas as entradas para os concertos do 21 ao 23 de xullo na Illa de San Simón

A organización do Sinsal Son Estrella Galicia presentou en Vigo as principais novidades da súa sétima edición, que terá lugar na Illa de San Simón (Redondela) do 21 ao 23 de xullo e para a que, por primeira ve na historia do festival, xa están todas as entradas vendidas desde hai un par de meses. A Xunta de Galicia volve apoiar economicamente o evento, que é un dos 20 subvencionados este ano a través das axudas da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) a festivais de música e de artes escénicas.

O director da Agadic, Jacobo Sutil, participou nesta presentación xunto a Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra; María Teresa Paris, concelleira de Cultura de Redondela; Luis Campos, codirector do Sinsal, e os representantes do resto de entidades patrocinadoras e colaboradoras.

Sutil referiuse tanto á contribución do festival á difusión dos valores históricos e patrimoniais de San Simón como á calidade musical do encontro, que achega por vez primeira ao público galego ao 90% dos artistas do seu cartel. Como en anos anteriores, este manterase en segredo ata o momento no que os primeiros espectadores desembarquen na illa, aínda que a organización xa adiantou que os 20 concertos programados van do folk á electrónica, pasando pola revisión da tradición e a psicodelia.

En palabras do director da Agadic, estas particularidades converten o Sinsal nun dos eventos fixos cada ano entre os adxudicatarios das axudas autonómicas a festivais escénicos e musicais, polas que este ano percibirá 21.000 euros.

Novidades

Sutil gabou, así mesmo, as novidades introducidas este ano pola organización, encamiñadas a “revalidar e mesmo intensificar o aplauso unánime do seu público”. Destacou especialmente a incorporación dunha xornada previa ao festival, que o xoves 20 de xullo reunirá en San Simón unhas 200 persoas, entre os que haberá convidados profesionais de dentro e fóra de Galicia, para unha versión reducida e especial do programa que se desenvolverá nos tres días seguintes. Tamén o xoves inaugurarase o proxecto realizado por un grupo de estudantes da Facultade de Belas Artes de Pontevedra grazas á colaboración emprendida entre o Sinsal e a Universidade de Vigo.

Incidiu, ademais, na firme aposta do festival por constituírse como un evento sostible, dando un paso adiante este ano na mellora das condicións medioambientais, así como na súa participación na plataforma Sonidos Mans para o apoio a artistas emerxentes de Galicia ou a alianza establecida co festival Milhões de Festa, que terá lugar do 20 ao 23 de xullo en Barcelos (Portugal), para o lanzamento dun bono conxunto e o intercambio de grupos galegos e portugueses entre ambos os eventos.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia