Os Gardacostas requisan media tonelada de peixe e marisco e 354 aparellos de pesca en diversos operativos contra o furtivismo
Na ría de Pontevedra realizáronse distintas actuacións nas que os gardacostas se aprenderon de máis de 98 quilos de diversas especies de peixe e marisco, 81 útiles de pesca e os 3.000 metros de enmalle. O operativo máis importante saldouse co comiso de case 48 quilos de centola, case catro quilos de nécora e coa incautación de 42 nasas, tres viveiros, un saco e 750 metros de aparellos de enmalle.Na ría de Arousa os axentes tamén fixeron varios controis que resultaron co comiso de case 10 quilos de distintas especies, na súa maioría polbo. A maiores, na ría de Vigo comisaron case 205 quilos de especies e un aparello de pesca. A operación máis destacada foi en Baiona e alí comisaron 190 quilos de polbo.
A ría de Muros e Noia foi escenario tamén de diversas operacións contra o furtivismo. Alí os axentes requisaron máis de 202 quilos de diversas especies e 259 aparellos de pesca. O control máis destacado foi en Muros, onde se fixeron con 218 cacharros de polbo e 95 quilos deste cefalópodo.
Na Coruña, os inspectores tamén se fixeron con case 20 quilos de especies –a maioría congro- e 13 útiles de pesca. Ademais, en Ferrol levaron a cabo outro operativo no que comisaron catro quilos de boi por estar en veda.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia
