Carlos Núñez retorna a música medieval a Oseira, Santo Estevo e Montederramo cos instrumentos do Pórtico do Paraíso
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/carlos_nunez_presentacion.jpg)
O presidente do goberno provincial destacou que este proxecto musical “é posible grazas ao labor de recuperación dos instrumentos do Pórtico do Paraíso realizada por Manuel Brañas e á sensibilidade dun gran compositor e investigador musical como é Carlos Núñez. A autenticidade do evento, o intérprete e os lugares onde se van celebrar estes concertos, son tres elementos que conflúen para darlle a estes concertos un carácter único e máxico”, dixo Manuel Baltar.
“Trátase de, a través da música, reivindicar a nosa identidade e o peso da cultura e da tradición dun pobo tan rico etnográfica e historicamente como o noso”, explicou Baltar, quen subliñou que esta iniciativa de colaboración entre a Deputación de Ourense e Carlos Núñez vai continuar no vindeiro festival “Pórtico do Paraíso” con diferentes actividades, entre as cales figura un concerto que o músico ofrecerá na catedral de Ourense en marzo de 2018.
Pola súa banda, Carlos Núñez explicou que este proxecto “vai a axudarnos a darlle vida a todo ese patrimonio medieval musical, escrito en arte e pedra, o cal afortunadamente puidemos recuperar, e así poder ofrecer concertos en acústico en recintos históricos singulares como estes mosteiros, verdadeiros tesouros arquitectónicos”. O repertorio que Carlos Núñez ofrecerá nestes tres concertos serán cantigas e melodías interpretadas por músicos durante séculos, sons que me devolven ás miñas orixes, sempre conectadas coa provincia de Ourense”, afirma o músico.
Os concertos serán o 27 de xullo, ás 21.00 horas, no claustro dos bispos do mosteiro de Santo Estevo de Rivas do Sil; o día 28, ás 20.30 horas, na igrexa do mosteiro de Oseira, e o día 29, ás 21.00 horas, na igrexa do mosteiro de Montederramo. As entradas pódense adquirir na plataforma Ataquilla.com.
Gabinete de Comunicación da Deputación Provincial de Ourense