Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

As festas do Apóstolo volverán ser escaparate para a música feita en Santiago de Compostela

O alcalde presentou as actividades incluídas na programación do Apóstolo nas que o Concello colabora coa sección local da Asociación Músicos ao Vivo, dentro do proxecto Compostela É! Música. Martiño Noriega reiterou que o Concello quere que "as festas sexan tamén un escaparate do que se fan os grupos e artistas de Santiago, que poucas veces teñen a oportunidade de mostrárense en escenarios únicos como a praza do Toural". Na rolda de prensa, o rexedor estivo acompañado por dous dos membros da sección compostelá de Músicos Ao Vivo, Xabier Mera e Chus Silva.

O alcalde explicou que o Concello tirou do censo Compostela É! Música para programar un ciclo de concertos na praza do Toural, "dándolle continuidade á iniciativa que tan boa acollida tivo nas festas da Ascensión". Serán un total de sete concertos, dende o 25 ata o 31 de xullo.

Polo escenario do Toural pasarán artistas e grupos de Santiago encadrados en moi distintos estilos musicais. Así, o 25 será a vez da Orquestra Xuvenil de Estudio dirixida por José Nine; o 26 de Falúa, e o 27 de xullo de Xosé Constenla e Os Desbadados. O 28 de xullo pasará polo escenario Kelibén, o 29 farao o grupo de pop-indie Esposa, e o 30 Nastasia Zürcher. A última xornada do escenario Compostela É! Música será para The Funkles e as súas particulares versións dos temas dos Beatles. Todos os concertos serán ás 23:00 horas, salvo o do día 31, que comezará ás 24:00 horas.

Ademais, o Concello botou man do censo Compostela É! Música para programar parte das sesións vermú do Apóstolo, que se celebrarán na praza de Cervantes ás 13:30 horas.

Jam Martiño Pinario
Tamén vinculado ao proxecto Compostela É! Música, o 26 de xuño celebrarase o Jam Martiño Pinario. Trátase dun programa que inclúe charlas, actividades para nenos e nenas, e tamén música en directo con artistas de Santiago. Desta vez participarán The Fabulous Resaca Brothers e Balkin´Blues Band. Haberá tamén unha Jam Session, na que poden participar os grupos que o desexen.

Xabier Mera, da sección local de Músicos ao Vivo, explicou que a intención deste Jam Martiño Pinario "é facer música de proximidade, achegala ás prazas e aos barrios, e facelo ademais nun horario que permita a conciliación e o ocio en familia". Por iso, apuntou, o programa desenvolverase a partir das seis da tarde.

Mera aproveitou para "agradecer ao Concello a implicación coas actividades de Músicos ao Vivo, e a súa aposta pola plataforma Compostela É! Música, que está a servir para visibilizar a oferta de música feita en Santiago e poñela no escaparate dos programadores públicos e privados".
Gabinete de Comunicación do Concello de Santiago de Compostela