Preséntase a XX edición da Festa da Merluza de Celeiro declarada de interese turístico galego
A Delegación Territorial da Xunta acolleu a presentación da Festa da Merluza de Celeiro, cita declarada de interese turístico galego, que se celebrará este sábado, día 15 de xullo, nesta localidade do concello lugués de Viveiro.A presente edición será a número vinte polo que desde a organización agardan celebrar este aniversario cun gran éxito de público. O ano pasado repartíronse máis de 2000 racións o que demostra que habitualmente ten moi boa acollida como unha das citas gastronómicas máis valoradas da Mariña lucense.
O evento foi presentado polo delegado territorial, José Manuel Balseiro; o tenente de alcalde de Viveiro, Jesús Fernández, e os directivos do colectivo Chilindrín-Peñalba, Bernardo Fraga e Rosario San Isidro, que se encarga da organización desta cita.
Balseiro puxo en valor que se mesturan nesta cita varios puntos fortes: a exaltación dun dos produtos pesqueiros de maior prestixio gastronómico -a pescada do pincho-, capturada pola flota de Celeiro, e a posta en valor dos elementos culturais e patrimoniais vinculados á pesca deste peixe, de enorme transcendencia para unha localidade que acolle un dos portos máis importantes de Europa e do Cantábrico.
Desde a organización quixeron agradecer tamén a colaboración da sociedade Porto de Celeiro e da Confraría de Pescadores da localidade, encargados de facilitar o produto a degustar, que será preparado en sete especialidades diferentes: cociña tradicional, con marisco, á galega, en salsa verde, en caldeirada, en empanada e en pizza. Colaboran tamén 80 veciñas e veciños de Viveiro que desinteresadamente elaboran os 700 quilos de peixe a cociñar e poñen en venda as abundantes racións.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia
