Un espectáculo musical galego-cubano con Alejandro Vargas e Rosa Cedrón recorda ao compositor Chané
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/alejandro_vargas_rosa_cedron.jpg)
Chané na Habana aborda a totalidade da obra conservada do xenial compositor galego, por primeira vez e dunha maneira inédita: desde o sentir musical cubano. O autor de clásicos como "Os teus ollos" ou "Un adios a Mariquiña" viviu e desenvolveu grande parte da súa obra na Habana e neste 2017, cen anos despois da súa morte, varios músicos de catro nacionalidades distintas abrazan e reelaboran o seu repertorio para devolvelo cunha nova vitalidade ao maxín popular galego.
Só se ofrecerán dous concertos deste singular espectáculo musical producido por aCentral Folque coa colaboración da Deputación da Coruña e dos Concellos de Santiago de Compostela e da Coruña. Será dentro das festas patronais das dúas cidades chanelianas: a estrea será o 29 de xullo na praza da Quintana, en Santiago de Compostela, e despedida, na praza de María Pita, o 3 de agosto. Despois, editarase un disco conmemorativo que se presentará en outono nas vilas de Rianxo e Melide. Serán as derradeiras ocasións de gozar ao vivo coa grandeza deste espectáculo único.
Ramon Pinheiro, director artístico do proxecto, salientou esta mañá na presentación pública do proxecto a aposta pola musicalidade cubana e a importancia da recuperación da obra de Chané en arquivos de todo o mundo. "Hai uns días aparecía unha canción súa na Biblioteca Nacional de Francia", apuntou. A vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, pola súa banda, destacou a pertinencia deste proxecto "único, singular, referencial, que vai unir dúas culturas e dúas linguas, dúas tradicións que levan influenciándose séculos: Galiza e Cuba".
O concelleiro de Educación e Cidadanía de Santiago de Compostela, Manuel Dios, puxo o acento na colaboración institucional entre dous concellos e a Deputación á hora de render merecida homenaxe a Chané, "recuperando a vida e a obra dun músico cun grande recoñecemento internacional na súa época pero que hoxe é un descoñecido". Finalmente, concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento da Coruña, José Manuel Sande, destacou que o espectáculo "rompe a falsa dicotomía entre festas e cultura, traballando pola cultura e pola recuperación histórica dende unha perspectiva festiva e de goce". "É unha oportunidade única para todos os galegos e non galegos que poderán gozar co coidado traballo deste conxunto de músicos magníficos, un combinado internacional das estrelas", concluíu. O acto de presentación, contou tamén coa presenza de Xaquín López, director-xerente do Auditorio de Galicia, e co dos músicos Alejandro Vargas e Rosa Cedrón, que agasallaron aos asistentes coa interpretación de "Os teus ollos", unha das pezas máis coñecidas de Chané.
Gabinete de Comunicación do Concello de Santiago de Compostela